10 out 2017

O Consello Galego de Turismo avala as boas cifras do verán e comparte os avances da Xunta por un turismo de calidade

 A directora de Turismo, Nava Castro, asistiu hoxe á sesión na que se fixo balance dos últimos datos de ocupación na Comunidade galega

 
Emitiuse informe favorable á modificación do decreto de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo cumprindo coa directiva europea e nos mesmos termos que o resto de comunidades autónomas do territorio
 
 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu a sesión do Consello Galego de Turismo na que o sector avalou as boas cifras rexistradas neste verán na nosa Comunidade e puido compartir os avances da xestión turística galega en prol dun turismo de calidade.

Durante a xuntanza presentáronse as últimas cifras de ocupación na Comunidade galega, ano no que o número de turistas volveu medrar nos oito primeiros meses, ata conseguir 3,6 millóns de viaxeiros aloxados. Trátase do mellor rexistro acadado ata o de agora que, como se indicou durante a reunión, viu acompañado da evolución positiva, da cifra de pernoitas e da estadía media, que resultou moi beneficiosa para o sector turístico da Comunidade.

Os membros do Consello Galego de Turismo tamén compartiron os avances levados a cabo pola Administración autonómica na consolidación dun turismo de calidade. Neste sentido, falouse das vivendas de uso turístico e da entrada en vigor do decreto que as regula, que nos seus primeiros meses de vixencia está a amosar un moi bo ritmo de solicitudes. Todo isto evidencia que o decreto fortalece e incrementa a oferta grazas ao marco de seguridade xurídica que ofrece, tanto para os particulares como para o sector turístico da Comunidade en xeral, á hora de exercer a competencia neste eido.

Unanimidade

Do mesmo xeito, tamén se deu conta do Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, aprobado este ano, recordando que se trata da folla de ruta que aspira a converter Galicia nun referente do turismo inclusivo. Puxéronse sobre a mesa as medidas xa levadas a cabo, como charlas informativas co sector, así como o proxecto europeo SABER universal, a Carta de Turismo Accesible Santiago-San Benedetto, que ten como obxectivo a promoción de turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo do Camiño Francés, en España e o Camiño de San Benedetto, en Italia.

Do mesmo xeito, tamén se deu conta de accións como o subministro de diverso mobiliario para acadar total accesibilidade en baños e habitacións nos albergues da rede pública do Camiño de Santiago, así como a implantación de sinalización táctil, coa colocación de placas para que as persoas con discapacidade visual se movan con independencia, entre outras medidas.

Igualmente, o Consello Galego de Turismo emitiu un informe favorable para a modificación do decreto de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, cumprindo así coa directiva europea e nos mesmos termos que o resto de comunidades autónomas de España.

Trátase de medidas todas elas que dan mostra do compromiso plasmado na Estratexia do Turismo de Galicia 2020, deseñada para acompañar o crecemento de viaxeiros previsto coa vista posta no Xacobeo 2021 a través dun modelo turístico responsable e que avoga pola calidade para converterse en referente como destino tranquilo.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!