23 out 2017

Galicia participa no X Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas en Antequera cunha exposición e varios relatorios

 A cidade andaluza acolle a mostra audiovisual ‘Camiño de Santiago, experiencia de peregrinación contemporánea’, que realiza un percorrido sentimental por esta ruta

 
O xerente de Xacobeo e membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e da Cátedra do Camiño e as Peregrinacións participaron no encontro
 
Turismo de Galicia conmemorará cunha programación especial o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo
 

 Turismo de Galicia participou días pasados no X Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas que tivon lugar en Antequera (Málaga). A cidade andaluza acolleu este encontro trianual que desde hai 30 anos reúne a peregrinos e especialistas no Camiño de Santiago. Galicia, como meta da peregrinación, está presente na cita a través dunha exposición e coa achega de varios relatores nas sesións de debate.

Co título Camiño de Santiago. Unha experiencia de peregrinación contemporánea, a mostra promovida polo Goberno galego reúne unha selección de fotografías e un audiovisual que supón un percorrido sentimental polos distintos itinerarios xacobeos. Asinan esta exposición o fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, que seguen os estímulos máis íntimos dos peregrinos e a súa relación coa natureza e co patrimonio cultural que lles rodea e coas poboación locais que atravesan na súa peregrinaxe cara a Santiago de Compostela.

O congreso, ao que asistiron persoas de diversos países e que estivo organizado pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, contou coa presenza do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, que participou  na mesa redonda Ao pé do Camiño.

Tamén compartiron experiencias e coñecementos outros especialistas do Xacobeo, xunto ao presidente do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci, ou a codirectora da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada entre a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral compostelán, Adeline Rucquoi, que no relatorio de clausura abordará A dimensión europea do Camiño de Santiago desde a súa orixe.

Símbolo da identidade europea

Esta reflexión chegba tres días de que comezase o programa de Turismo de Galicia co que se conmemora o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Esta cita combinará encontros, seminarios e congresos coa asistencia de membros das institucións comunitarias máis relevantes, un concerto de Amancio Prada na Catedral de Santiago e un acto oficial, cheo de simbolismo, que lembrará a profunda achega do Camiño de Santiago como espazo clave na construción da identidade europea.

Proba do seu carácter universal é a diversidade de países presentes na ruta xacobea, pois no que vai de ano contabilizáronse peregrinos de 177 nacionalidades diferentes. Dos máis de 280.000 camiñantes recibidos, cifra récord na historia da ruta, o 55% foron estranxeiros.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!