22 nov 2017

Os minicruceiros polas rías pechan tempada cun 65% de ocupación e a previsión de ofrecer máis de 200 novas saídas para o próximo ano

Presentación do balande dos minicruceiros turísticos.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, fixeron balance da experiencia turística Minicruceiros costeiros polas Rías de Galicia, na que, desde o mes de xuño ata novembro, participaron máis de 1.000 persoas e que acadou unha ocupación media do 65%, máis do dobre que o ano pasado, cando a cifra acadou o 30%.

A iniciativa, levada a cabo en colaboración coa Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+), estase así a consolidar como unha interesante experiencia turística que permite pór en valor o potencial de Galicia como destino atractivo durante todo o ano. Así o explicou a directora de Turismo, Nava Castro, que cualificou este produto turístico como un “perfecto exemplo” do modelo turístico que se defende desde a Xunta de Galicia. “Diversifica, especializa e desestacionaliza a oferta, cumprindo así tres dos piares nos que se sustenta o traballo da Administración autonómica”, explicou recordando que é así como axudan a consolidar Galicia como un destino competitivo, sustentable e innovador.
 
A oferta deste ano incluíu ata catro propostas diferentes con seis rutas en ferri-catamarán ou en veleiro que achegaron a oferta náutica nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, á cultura, o patrimonio ou á enoloxía galega especialmente tamén fóra de tempada alta, cando estes minicruceiros obtiveron os seus mellores resultados.
 
De feito, nas diferentes saídas en ferri programadas, o mes no que se rexistrou un maior grao de ocupación foi o de novembro, cun 84%, seguidas polas saídas en veleiro de outubro, que superaron o 80% de ocupación, demostrando así, como explicou Nava Castro, o potencial do turismo náutico da nosa Comunidade en todas as épocas do ano.

Enriquecen a experiencia turística
 
Neste sentido, recordou a aposta do seu departamento por levar a cabo iniciativas como estes minicruceiros. Como así se enmarca na Estratexia do turismo de Galicia 2020 na que se fai especial fincapé no desenvolvemento do turismo de praia e costa, mariñeiro, náutico e deportivo. “Porque iniciativas como estas enriquecen a actividade turística nos 72 municipios costeiros, as preto de 900 praias, os máis de 1.600 quilómetros de costa ou as 16 rías navegables galegas”, explicou.
 
Durante esta tempada estiveron en marcha os itinerarios Minicruceiro costeiro polas rías, de seis días de duración; Minicruceiro Costeiro a Vela Ruta Xacobea Mar de Arousa, de dous días, e Minicruceiro Costeiro Illas Atlánticas e Vilas mariñeiras pola Ría de Vigo e Minicruceiro Costeiro a Vela Tesouros da Ría de Vigo, ambos dun día de duración e coa posibilidade de escoller entre dous itinerarios diferentes pola ría de Vigo. A bordo deles, os visitantes puideron gozar do turismo mariñeiro e coñecer, entre outros moitos recursos, o Parque Nacional das Illas Atlánticas e ata rememorar o percorrido que os restos do Apóstolo Santiago seguiron pola ría de Arousa.
 
Tras o éxito deste ano, para 2018 está previsto que os Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia oferten máis de 200 saídas entre os meses de marzo a novembro no conxunto dos itinerarios que se porán en marcha.
 
Arriba