The Killers, Lenny Kravitz, e Jamiroquai encabezan o cartel do festival O son do Camiño que acollerá o parque Monte do Gozo
Santiago de Compostela será a sede deste evento musical que terá lugar do 28 ao 30 de xuño e que contará cunha trintena de artistas de renome internacional, que en moitos casos visitan Galicia por primeira vez, e de grupos galegos de referencia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañados pola comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, presentaron o festival O son do Camiño, unha gran cita musical que congregará a artistas de renome internacional e a galegos de primeiro nivel. O festival, que terá lugar no vindeiro mes de xuño no renovado Parque Monte do Gozo, forma parte dunha ampla programación musical por todo o territorio, posto que ademais se organizarán concertos polas principais cidades da Comunidade. O obxectivo é adiantarse ao Xacobeo 2021 cun evento de primeiro nivel, que situará a Galicia no panorama musical nacional e internacional.
En concreto, O son do Camiño estará encabezado por recoñecidos artistas e bandas de música como The Killers, Lenny Kravitz, Jamiroquai, Martin Garrix, Two Door Cinema Club, Franz Ferdinand ou Mando Diao. Terá lugar ao longo de 3 días, do 28 ao 30 de xuño, no espazo de festivais do Parque Monte do Gozo, que está a ser remodelado nos últimos tempos como parte do seu Plan de Actuación. Con capacidade para 24.000 asistentes cada xornada, o recinto contará con dous escenarios, área de restauración, mercadiño e unha zona de acampada.
Román Rodríguez explicou que o vindeiro Xacobeo 2021 nace cunha nova filosofía que abrangue non só un ano, senón que “comeza neste 2018 coa programación que hoxe presentamos e se estende durante os vindeiros anos 2019, 2020 e 2021”. O conselleiro de Cultura puxo en valor o papel relevante que xoga a cultura feita en Galicia, "que, sen dúbida, terá un protagonismo especial dentro do Xacobeo. O Son do Camiño é un bo comezo nesta senda". Ademais, destacou a potencia da Comunidade á hora de organizar festivais e, neste sentido, avanzou que este ano se incrementarán as axudas en concorrencia competitiva para festivais, pasando dos 220.000 aos 280.000 euros.
"En definitiva, este gran festival, e os diferentes concertos que se programarán polas principais cidades de Galicia situarán á Comunidade como punto de referencia musical, e cultural, a nivel internacional", remarcou Román Rodríguez.
Pola súa banda, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, salientou que O son do Camiño “é a primeira etapa dun longo percorrido no que a Xunta leva traballando desde hai máis de dous anos, ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago”. Neste sentido, lembrou que xa están en marcha máis do 50% das accións previstas neste documento. “Nunca Galicia preparara con tanta antelación a chegada dun Ano Santo”, subliñou.
Así mesmo, lembrou que proxectos como este precisan de toda a sociedade, pois “Xacobeo é sinónimo de suma” como proba “o binomio cultura e turismo que leva reportando 25 anos de éxito ininterrompido” desde o Xacobeo 93. “O Xacobeo 2021 tamén será inesquecible para os galegos e para os peregrinos de todo o mundo que fan posible a ruta”, afirmou.
Entradas á venda o 1 de marzo
O cartel do macrofestival, con nomes que en moitos casos visitarán Galicia por primeira vez, o integran tamén León Benavente, The Gift, C. Tangana, La M.O.D.A., Carlos Sadness, Toundra, The Last Internationale, Talisco, Morgan, Rufus T. Firefly e Plya. Ademais, haberá unha nutrida representación de grupos galegos como Novedades Carminha, Triángulo de amor bizarro, Eladio y los Seres Queridos, Arce, Malandrómeda, Bala, Furious Monkey House, True Mountains e Agoraphobia. E aínda poderían sumarse novos artistas.
Os abonos poranse á venda a partir do 1 de marzo na web oficial do festival e en Ticketea cun prezo especial de lanzamento de 39 euros. Ademais, como parte desta programación, haberá seis concertos nas principais cidades, que se irán dando a coñecer proximamente.
O festival, patrocinado pola Xunta de Galicia, contribuirá a promover a imaxe de Galicia no ámbito internacional a través dun dos seus principais activos turísticos e culturais: o Camiño de Santiago. Ademais, será unha oportunidade para difundir os valores e o talento local, para reforzar o tecido empresarial galego e para fomentar a colaboración público-privada, co desenvolvemento dunha programación cultural de maneira conxunta e coordinada.
80% da contratación en Galicia
Como se puxo se manifesto na presentación de O Son do Camiño, festivais como este son instrumentos de carácter cultural dirixidos a un público obxectivo concreto que, ademais, se erixen como verdadeiros dinamizadores do sector turístico, pois hoteis, restaurantes e comercios atenden máis demanda e xeran máis emprego e profesionais especializados.
De feito, agárdase un notable impacto económico para Santiago de Compostela, a súa área de influencia e, en xeral, para Galicia. Ao compromiso do festival co tecido económico galego se suma que contratará un 80% das súas necesidades a empresas da Comunidade.
O turismo musical, cultural e de eventos é un recurso á alza, que crea industria e xera impacto económico na zona onde se celebra. O obxectivo é, por tanto, múltiple. Por unha banda, xeraranse fitos de programación cultural de impacto que potenciarán o atractivo do Xacobeo 2021, un evento que será declarado polo Goberno central Acontecemento de Excepcional Interese Público, con bonificacións fiscais para os patrocinadores durante tres anos. Así, Galicia posicionarase no mapa das grandes producións musicais e enriquecerá o seu panorama de festivais, que conta con citas moi salientables ao longo do verán.
Programación cultural e turística
Ademais, esta programación supón a oportunidade de artellar unha serie de eventos coordinados por empresas e profesionais locais, potenciando a industria cultural e creativa de Galicia, atraendo a turistas musicais e facendo partícipe á cidadanía desta celebración.
O son do Camiño, unha iniciativa de la UTE formada polas empresas Old Navy Port Producciones, S.L. e Esmerarte Industrias Creativas, S.L., patrocinada pola Xunta de Galicia e coa colaboración de Estrella Galicia, aspira a converterse no principal festival de música independente de Galicia polo deseño da súa programación, capacidade de convocatoria e repercusión fóra dos nosos límites. Ademais, preséntase como un festival sustentable e respectuoso co medio, adaptado aos recursos sociais, económicos e ambientais dispoñibles.
Este festival será só o punto de partida da programación musical do vindeiro Xacobeo 2021, unha cita pola que desde a Xunta de Galicia se está a traballar xa intensamente despois que a comezos de ano fora aprobada a creación da Comisión Organizadora interadministrativa.
Listaxe definitiva de participantes no festiva O Son do Camiño
Xoves:
The Killers
Franz Ferdinand
Lost Frequencies
Carlos Sadness
Talisco
Triángulo de Amor Bizarro
Republica
Rufus T. Firefly
Sexy Zebras
Agoraphobia
Bala
Ganador Concurso Sonidos Mans
Venres:
Jamiroquai
Two Door Cinema Club
Don Diablo
Residente
La M.O.D.A.
The Gift
Toundra
L.A.
Malandrómeda
Plya
Furious Monkey House
True Mountains
Sábado:
Lenny Kravitz
Martin Garrix
Mando Diao
León Benavente
C. Tangana
Novedades Carminha
The Last Internationale
Arce
Morgan
Eladio y Los Seres Queridos
Terbutalina