04 xan 2018

Turismo de Galicia referenda o seu compromiso coa Costa da Morte, un destino onde o peso dos viaxeiros internacionais é xa do 37%

Nava Castro percorreu xunto ao alcalde elementos patrimoniais e naturais que se beneficiaron dunha liña de axudas que o ano pasado acadou xa a 150 concellos

A Xunta investirá 3 millóns de euros en 2018 para seguir identificando e potenciando os recursos de zonas rurais, o que contribúe ao seu desenvolvemento 

Visita de nava Castro á Laracha.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou as melloras executadas na sinalización de recursos do concello coruñés da Laracha, unha actuación posible grazas ao financiamento do Goberno autonómico.

En compañía do alcalde do municipio, a directora percorreu diferentes zonas da Laracha nas que se instalaron novos paneis e indicadores que ofrecen información de calidade aos viaxeiros e lles facilitan a súa visita, garantindo dese xeito unha boa experiencia na súa estadía, unha aposta pola que Nava Castro felicitou ao rexedor e ao resto do seu equipo.

As melloras obsérvanse en elementos patrimoniais do núcleo urbano e tamén en recursos naturais como a coñecida praia de Caión ou a área recreativa de Paiosaco, lugar onde cada ano se celebra a Festa das Cereixas de Paiosaco, declarada de Interese Turístico galego.

Nava Castro referendou o compromiso do seu departamento coa Costa da Morte, un destino onde o peso dos viaxeiros internacionais é xa do 37%. A directora puxo en valor os rexistros turísticos acadados nesta zona en 2017, período no que a demanda medrou máis dun 17%. En concreto, as noites de hotel rozaron as 275.000 e os turistas superaron os 136.000.

Parámetros relevantes como a estadía media e ocupación experimentaron unha evolución moi positiva, con crecementos do 15% no primeiro caso e de 8,7 puntos no segundo.

Aposta polo rural

A actuación na Laracha forma parte dunha liña de axudas da que, en 2017, beneficiáronse 150 concellos. Como sinalou Nava Castro, “está liña é fundamental no desenvolvemento sostible e diversificado do turismo na nosa Comunidade”. Ao respecto, avanzou que neste 2018 esa partida incrementarase ata os 3 millóns de euros, pois a Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsada pola Xunta, traballa para que os beneficios económicos, sociais e culturais xerados pola actividade turística “cheguen a todos os galegos”, manifestou. 

 

Arriba