31 xan 2018

Galicia pecha definitivamente 2017 con case 5,1 millóns de turistas e márcase o obxectivo de continuar afondando na calidade en 2018

 Foi a comunidade autónoma cun mellor comportamento no último cuadrimestre, consolidando así a desestacionalización, con viaxeiros ao longo de todo o ano

A evolución positiva obsérvase tamén na estadía media, na ocupación ou na rendibilidade dos negocios, parámetros que creceron durante o último exercicio

O crecemento do turismo internacional foi especialmente intenso e o seu peso acada un máximo do 28,7%, confirmando as aspiracións da Xunta e do sector

O Goberno autonómico seguirá traballando neste 2018 por fortalecer Galicia como un destino diversificado e sustentable, que aposta polos seus recursos propios

 
Gráfico da demanda turística do ano 2017 en Galicia

Galicia pechou definitivamente 2017 con preto de 5,1 millóns de turistas. Así se conclúe dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que completan a radiografía do pasado ano, período no que a nosa Comunidade se consolidou como un destino competitivo e desestacionalizado.

Por primeira vez na súa historia, Galicia superou os 5 millóns de viaxeiros aloxados nos seus establecementos turísticos, onde realizaron máis de 10,6 millóns de noites, tamén un récord. Ambos parámetros medraron un 3,2% e un 5,7% con respecto ao ano 2016 e consolidan así a tendencia favorable dos últimos cinco anos na nosa Comunidade. Esta evolución veu acompañada da mellora no resto de variables, como a estadía media, que subiu un 2,3%, a ocupación, que no caso dos hoteis se elevou en máis dun 4%, e a rendibilidade do sector.

A demanda mellorou tanto entre os viaxeiros nacionais como nos internacionais. A chegada de turistas españois incrementouse un 4,8% e aínda máis intensa foi á dos estranxeiros, que creceron un 8,6%, confirmando as previsións do Goberno galego e do propio sector privado. O turismo internacional marca así máximos históricos de volume e tamén no seu peso sobre o conxunto da demanda, pois acada xa o 28,7% por un 71,3% de españois. Isto consolida o progresivo cambio que está a experimentar o mercado turístico galego nos últimos anos.

Cómpre salientar tamén a evolución positiva de tipoloxías de aloxamento como os hoteis e os apartamentos turísticos, cun crecemento do 10%, ou o turismo rural, cunha alza do 5%.

O crecemento do número de viaxeiros en 2018 deuse como consecuencia do incremento de turistas durante todo o ano, especialmente fóra da tempada estival. Épocas como o outono foron especialmente satisfactorias. De feito, Galicia foi, con Aragón, a autonomía cunha maior suba no último cuadrimestre do pasado exercicio, cando as súas pernoitas hoteleiras subiron un 7,8%, un dato moi superior ao 1,4% de media rexistrado no conxunto do Estado.

O turismo rural medra un 24% en decembro

A estes números contribuíu tamén decembro, cun aumento do 7% na cifra de visitantes e do 7,8% nas pernoitas, con preto de 420.000, a cifra máis elevada da última década. Os turistas aloxados medraron en todas as tipoloxías de establecementos e, no referido as pernoitas, é especialmente salientable o caso do turismo rural, pois a demanda subiu preto dun 24%.

Cos estes datos, péchase o balance turístico de 2017, un ano no que se cumpriron as expectativas marcadas desde Turismo de Galicia grazas ao esforzo colectivo de todo o sector, con quen se traballa arreo na Estratexia do turismo de Galicia 2020. Así, o pasado ano, Galicia amosou que sabe crecer tanto en cantidade como en calidade.

Agora, encárase 2018 co obxectivo de afondar neste modelo, que foi exposto recentemente en Fitur, e que ten como principais piares a sustentabilidade e a excelencia, diversificando os fluxos, preservando o patrimonio natural e cultural e ampliando os circuítos turísticos con novos produtos e experiencias, tanto na costa como no interior, para que máis galegos poidan experimentar os beneficios socioeconómicos e culturais derivados desta actividade.

Axudas para o sector e os concellos

Con este fin, Turismo de Galicia impulsa este ano un conxunto de axudas para o sector e para os concellos e outras administracións locais. En conxunto, superan os cinco millóns de investimento, cos que a Xunta fomenta a consolidación dun destino de calidade, responsable e diversificado, amais de accesible. Precisamente o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe varias desas liñas. Trátase, en concreto, das destinadas á cooperación entre pequenos operadores turísticos; das subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo entre os meses de xuño e setembro; dos Premios Camiño de Santiago e dos Premios Galicia Parabéns, entre outras.

A estas cinco liñas engádense as publicadas no DOG nos últimos días, como a prevista para estimular a renovación e as melloras nos establecementos turísticos de aloxamento e ás dirixidas a entidades locais para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas.

E, finalmente, unha oitava liña, que se publicará mañá xoves, para concellos co obxectivo de apoiar, promover e difundir as numerosas festas declaradas de Interese Turístico de Galicia. 

 

Arriba