19 feb 2018

Alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia participan nun certame de innovación hoteleira en Maastrich

 Catro estudantes do último ano de dirección hoteleira deste centro, dependente de Turismo de Galicia, competirán con 31 prestixiosas escolas de todo o mundo

 
Ao longo de dúas xornadas de traballo, deberán amosar as súas propostas tecnolóxicas, mantendo o factor humano, para cuestións que preocupan no sector
Alumnos do CSHG participantes no encontro.

 Catro alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) foron seleccionados para participar desde mañá na décima edición da EMCup, unha competición internacional de innovación hoteleira para estudantes que se celebra en Maastricht, nos Países Baixos, baixo o lema Stay in the bright side.

Os alumnos do CSHG mediranse a compañeiros de 31 prestixiosas escolas de diferentes países, entre elas só unha máis procedente de España. Natalia Rey, María Trigo, Manuel Ribeiro e Francisco Antonio Rama, que cursan o último ano de dirección hoteleira neste centro dependente de Turismo de Galicia, deberán amosar as súas propostas tecnolóxicas no sector mantendo o factor humano. Ao longo de dúas xornadas, competirán con solucións pragmáticas e imaxinativas a cuestións que preocupan no sector hoteleiro en todo o mundo.

Durante as sesións de traballo do domingo, deberán desenvolver un pase interactivo con alumnos doutras escolas sobre marca persoal e revenue management e defender as súas achegas tecnolóxicas na Escola de Hostelería de Maastricht. Ao día seguinte, deberán facer unha presentación pública das súas ideas. Un xurado composto por expertos hoteleiros escollerán os nove equipos finalistas e, xa pola noite, anunciarase o equipo gañador.

Encontro con profesionais

O CSHG participou en todas as edicións da EMCup e anima aos seus alumnos a participar neste tipo de encontros onde poden coñecer a estudantes e responsables de cadeas hoteleiras internacionais, contactos que lles permitirán abrir novas oportunidades laborais.

 

 

 

Arriba