06 xuñ 2018

A Xunta reforza estes días a promoción internacional do destino Galicia con accións en México, Croacia, Israel e Brasil

Turismo de Galicia participou na primeira semana de xuño en dúas feiras vinculadas ao turismo relixioso e ao de congresos e asiste a dúas reunións con operadores

 
Os viaxeiros estranxeiros acadaron un máximo histórico na Comunidade o pasado ano, consolidando así seis anos de crecemento con preto de 2,5 millóns de noites
 
Reunión con operadores turísticos en Israel.

Co obxectivo de difundir os valores turísticos da Comunidade galega e o Camiño de Santiago no exterior, Turismo de Galicia reforzou na primeira semana de xuño a súa actividade de promoción participando en distintas accións organizadas en países como México, Croacia, Israel e Brasil.

Neste sentido, o departamento de Turismo da Xunta participou ata o 12 de xuño no Cumio Internacional da Gastronomía Guanajuato si sabe, que se celebrou na capital deste estado mexicano. O Goberno autonómico participou neste acontecemento promocionando a gastronomía galega a través da presenza dun chef que realizpu varias presentacións e elaborarou diferentes menús para xornalistas e gastrónomos internacionais. Neste ámbito, a Xunta tamén instalou un recinto para ofrecer información turística aos asistentes.

Por outra parte, asistiu aa o pasado sábado a un encontro de provedores e destinos con axentes especializados no mercado do turismo de negocios, relacionado cos congresos, as convencións e as viaxes de incentivo. Esta reunión profesional desenvolveuse en Dubrovnik (Croacia) con presenza dos operadores turísticos máis importantes de Europa.

Aposta pola especialización

Ademais, Turismo de Galicia participou nos últimos días nas xornadas de promoción directa para o mercado israelí ao obxecto de contactar cos principais operadores deste país, dado o seu potencial como emisor de viaxeiros cara a Galicia. Así, en Israel celebráronse dúas reunións con axentes de viaxes locais, unha na cidade de Tel Aviv e outra en Xerusalén.

Por último, a Xunta promoveu o destino Galicia na feira Expocatólica, que se desenvolveu entre os días 1 e 4 de xuño na cidade brasileira de São Paulo. Trátase do maior certame relixioso de Iberoamérica no que Turismo de Galicia instalou un recinto de 24 metros cadrados para promover o Camiño de Santiago e os recursos asociados á ruta xacobea.

Estratexia de internacionalización

A internacionalización é un dos obxectivos marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla ruta deseñada pola Xunta e o sector coa calidade e a sustentabilidade como eixos vertebradores. Despois dun ano en marcha, a Estratexia 2020 está a dar os seus froitos, pois en 2017 o turismo internacional na Comunidade acadou cifras récord cun 8,6% máis de demanda ata rexistrar 2,5 millóns de noites e preto de 1,5 millóns de visitantes.

Consolídanse así seis anos de crecemento que están a ter continuidade no 2018, pois no primeiro cuadrimestre deste exercicio o número de pernoitas incrementouse un 3,4%.

 

Arriba