12 xuñ 2018

Galicia agradece o seu traballo á Asociación Holandesa de Amigos do Camiño de Santiago, a máis numerosa das 300 existentes

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, reuniuse con eles no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde expuxo as liñas de acción na Xunta neste eido
 

O labor altruísta de información, difusión e hospitalidade destes colectivos resulta fundamental no auxe actual da peregrinación e na súa internacionalización 

Peregrinos holandeses.

 Os dirixentes da Asociación Holandesa de Amigos do Camiño de Santiago, a máis numerosa das máis de 300 que traballan en todo o mundo, visitaron a pasada fin de semana Galicia. O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, encargouse de recibilos para agradecerlles o seu labor a prol dos valores da peregrinación, da súa preservación e difusión con diferentes iniciativas nos seus respectivos territorios.

A delegación holandesa, que estivo encabezada polo actual presidente da asociación, Peter Hesseling, tivo oportunidade de visitar lugares de Santiago de Compostela como a Colexiata de Santa María do Sar ou a igrexa de Santa María de Conxo. Amais, Sánchez reuniuse con eles no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, onde realizou unha presentación das liñas de traballo que está a desenvolver a Xunta arredor do Camiño de Santiago.
 
Sen o asociacionismo xacobeo non se terían acadado os resultados e dimensións que hoxe amosa en distintos países este fenómeno. A súa dedicación altruísta abrangue numerosos eidos, entre eles o voluntariado de hospitaleiros na rede pública de albergues da Xunta.
 
Axudas e cooperación
A súa contribución é tida moi en conta no Plan director do Camiño de Santiago, cunha liña dirixida a potenciar a cooperación cos diferentes colectivos. Os orzamentos deste ano, de feito, consignan unha partida de 90.000 euros a diferentes liñas de acción e colaboración co labor esencial de información e difusión que desenvolven. Estas axudas articúlanse a través dunha convocatoria en concorrencia competitiva para o apoio ao seu funcionamento e, especialmente, ás accións de difusión da cultura xacobea nos seus ámbitos territoriais.
 
 
 
Arriba