12 xuñ 2018

Turismo de Galicia promove esta semana o potencial da oferta galega para os mercados do centro e o leste de Europa

 Operadores húngaros visitan a Comunidade galega para coñecer o seus recursos e servizos turísticos ao tempo que a Xunta participa en Polonia na feira Sacroexpo

 
A cifra de viaxeiros polacos que visitaron Galicia en 2017 medrou un 30% respecto ao ano anterior e o número de peregrinos no Camiño de Santiago subiu un 20%
 
Recinto de Galicia en Sacroexpo.

 Dez operadores turísticos de Hungría inician esta semana unha viaxe de familiarización co destino turístico Galicia ao obxecto de coñecer os recursos e servizos turísticos da Comunidade e poder organizar viaxes desde este país centroeuropeo. Paralelamente, Turismo de Galicia participa na feira de turismo relixioso Sacroexpo que se celebra na localidade polaca de Kielce ata o vindeiro mércores.

Na súa estadía, os axentes de viaxe húngaros terán a oportunidade de coñecer distintos ámbitos do turismo galego, tanto da costa como do interior, así como parte dos principais servizos turísticos de Galicia. Nesta viaxe organizada por Turismo de Galicia, os operadores do país centroeuropeo visitarán varias cidades e coñecerán produtos relacionados coa natureza e a cultura, así como o Camiño de Santiago. Tamén están previstos encontros gastronómicos e visitas a adegas asociadas ás Denominacións de Orixe protexidas.

Por outra parte, o departamento de Turismo da Xunta conta cun recinto de promoción do Camiño de Santiago no certame Sacroexpo, un dos salóns comerciais máis importantes de Europa relacionados co turismo relixioso. Trátase dunha feira profesional e aberta ao público é un dos recursos máis demandados, especialmente por confrarías, asociacións, operadores especializados e empresas de servizos turísticos relacionados co fenómeno relixioso.

Porta da entrada ao turismo

A Xunta vén participando desde hai anos neste certame, cun recinto de deseño de 24 metros cadrados de superficie co obxecto de reforzar a promoción en Polonia, un mercado crecente para Galicia, motivado pola peregrinación, aínda que as persoas interesadas no Camiño de Santiago queren coñecer tamén outros lugares de interese da Comunidade.

Deste xeito, o pasado ano, 5.080 peregrinos polacos recibiron a Compostela tras rematar algún dos itinerarios xacobeos, un incremento de case un 20% en relación a 2016.

Así mesmo, no 2017 observouse un comportamento positivo do mercado turístico polaco en Galicia no que atinxe ao sector hoteleiro. En particular, subiu a cifra de viaxeiros aloxados un 30,4% e o volume de noites un 32,6% en relación ao anterior 2016. Este foi o quinto ano consecutivo no que se observou un crecemento do mercado polaco en Galicia.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!