22 out 2018

Canadá achégase ao Camiño de Santiago e á oferta turística galega na Feira International Tourism&Travel Show

 Trátase dun dos mercados turísticos internacionais con máis potencialidade de crecemento para a Comunidade galega

 
A ruta xacobea, con máis de 4.500 peregrinos canadenses, é un dos recursos máis demandados polos viaxeiros deste país que visitan o territorio galego 
 
 
Galicia, na feira turística de Montreal.

 A cidade de Montreal, en Canadá, acolleu a feira International Tourism&Travel Show, no que a Consellería de Cultura e Turismo presentou a oferta turística da Comunidade galega.

Esta é a trixésima edición deste certame profesional aberto tamén ao público xeral e que está considerado como un dos máis importantes do norte de América.O Goberno galego vén participando desde hai varios anos cun recinto expositivo na contorna de Turespaña, coordinado pola Oficina de Turismo de España en Toronto.

Na actualidade, este mercado turístico é un dos máis interesantes para Galicia, pois o territorio español é un dos máis demandados polos canadenses. De feito, o Camiño de Santiago é un dos recursos máis demandados polos viaxeiros de Canadá que se achegan España, así como os produtos turísticos relacionados coa natureza e a cultura.

“De aquí a Compostela”

Cada vez son máis os operadores que organizan e comercializan rutas polos diferentes itinerarios xacobeos e ofrecen ademais aos seus clientes aloxamentos singulares ou turismo rural en Galicia. Neste sentido, en Quebec, existe o centro D`ici a Compostelle –De aquí a Compostela–, instalación comercial dedicada ao Camiño de Santiago que goza de gran popularidade nesta rexión.

Este interese que mostran os canadenses polo Camiño de Santiago foi aproveitado nesta feira para a captación de operadores, iniciativas privadas e público final cara á oferta turística galega. Canto á peregrinación a Santiago de Compostela, a ruta xacobea recibiu o no que vai de ano máis de 4.500 peregrinos canadenses, o que converte a este país no décimo segundo con máis presenza entre as nacionalidades estranxeiras.

A participación nesta feira enmárcase no obxectivo de internacionalización do destino, unha das liñas de traballo da Estratexia do Turismo de Galicia 2020, que aposta tamén por consolidar un destino tranquilo e auténtico que sabe poñer en valor os seus mellores recursos culturais e naturais para gozar deles durante todo o ano.

 

Arriba