07 nov 2018

Os ‘Trens turísticos de Galicia’ pechan tempada cos mellores datos de ocupación da súa historia e preto de 2.300 viaxeiros

Completáronse a totalidade das prazas en tres das 12 rutas programadas ata alcanzar unha ocupación global de case o 93%, a máis alta das seis edicións

Participaron un 7,4% máis de pasaxeiros, procedentes de seis países de Europa, así como de Asia, África e América, xunto a viaxeiros de ata 15 comunidades

O 97% recomendaría esta experiencia, que permite combinar natureza, termalismo, enogastronomía e cultura especializando e enriquecendo a oferta galega

A proposta da Consellería de Cultura e Turismo, Renfe e o Inorde, prepara a súa sétima edición tras percorrer as catro provincias nos últimos cinco meses 

 
Tren turístico na estación de Vigo-Guixar.

Os Trens Turísticos de Galicia –a proposta turística posta en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo, Renfe e o Inorde entre os meses de xuño e outubro– veñen de pechar a súa tempada con máis de 2.300 viaxeiros, o que supón un 7,4% máis que o ano anterior, e preto dun 93% de ocupación, alcanzando así a mellor cifra das súas seis edicións.

Acadouse o cen por cen de ocupación en tres das 12 rutas programadas: a Ruta dos Faros, da Ruta da Ribeira Sacra do Sil e a Ruta dos Mosteiros, unha das novidades deste ano. Por riba do 90% estiveron itinerarios como o da Ribeira Sacra do Miño, así como a Ruta das Rías Baixas, a Ruta da Lamprea, a Ruta do Viño de Monterrei ou a Ruta dos Viños de Valdeorras. Pola súa banda, a Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego, así como a Ruta dos viños do Ribeiro-Rías Baixas e a Ruta Lugo Romano alcanzaron ocupacións de entre o 70 e o 80%.

Os Trens Turísticos de Galicia reveláronse un ano máis como unha das mellores opcións para coñecer algúns dos recursos e paisaxes galegos máis destacados entre persoas de distintas partes do mundo, como así o demostra o incremento do número de viaxeiros que chegaron de seis países de Europa, así como de Asia, África ou América. A eles uníronse os usuarios procedentes de ata 15 comunidades autónomas de España.

Alta satisfacción dos usuarios

Os datos da tempada de 2018 tamén constatan os altos niveis de satisfacción dos viaxeiros, xa que preto do 97% recomenda a experiencia. Estas cifras avalan o éxito desta iniciativa que combina natureza, termalismo, enogastronomía e cultura nas 12 rutas que percorren as catro provincias. A edición deste ano incorporou dous novos itinerarios e teatralizacións a cargo de personaxes que descubriron a historia dos lugares incluídos na viaxe.

As estreas e melloras achegaron importantes atractivos, pois incorporaron ao programa de visitas espazos emblemáticos do patrimonio galego, adegas e novos museos. Os Trens Turísticos de Galicia preparan xa a súa sétima edición como proposta de turismo de calidade e sustentable que encaixa co modelo plasmado na Estratexia do Turismo de Galicia 2020.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!