08 dec 2018

Galicia exhibe no Salón Náutico de París a súa oferta turística neste eido con instalacións recreativas de primeiro nivel

 Un recinto de 48 metros cadrados permitirá difundir o noso potencial neste certame, que reúne cada ano 250.000 visitantes de todo o mundo

 
Este espazo de promoción, no que participan a Axencia Turismo de Galicia e Portos de Galicia, posibilitará o contacto e as relacións comerciais entre os profesionais da Comunidade e os empresarios do sector de todo o mundo
 
Recinto de Galicia no Salón Náutico de París.

A oferta náutica da Comunidade galega está presente na LVIII edición do Salón Náutico de París, ata o día 16 de decembro da man da Xunta de Galicia, ao obxecto de promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico recreativas galegas, nun certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo.

Este ano, instalouse un recinto de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, que chega á súa LVIII edición e no que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia participa dende hai 19 anos. O recinto para promover o turismo náutico galego posibilitará tamén a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector.

A Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Mar, a través da Axencia Turismo de Galicia e de Portos de Galicia participan neste espazo dedicado a Galicia, apoiando a promoción e a consolidación da Comunidade como destino náutico de primeira orde internacional.

Axentes especializados

Ademais do contacto empresarial cos participantes no Salón, o Goberno autonómico desenvolverá unha axenda de reunións, na que se incluirán encontros institucionais e presentacións públicas para difundir o potencial da náutica galega e o das súas instalacións e servizos portuarios. O Salón Náutico de París contará coa presenza de máis de 700 expositores e máis de 1.000 barcos, mentres que se esperan máis de 200.000 visitantes.

Segundo datos da presenza de Galicia en anteriores edicións, a gran maioría dos visitantes son afeccionados á náutica que valoran moi positivamente as condicións de navegabilidade da nosa costa, a gastronomía, a paisaxe e a hospitalidade da xente. O perfil dos visitantes con maior interese pola nosa Comunidade corresponde a persoas de máis de 40 anos procedentes de Bretaña e Normandía e doutros países limítrofes como Bélxica. Galicia resulta ser un destino atractivo como escala para travesías do Atlántico.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!