31 xan 2019

A cifra de viaxeiros aloxados en turismo rural acada o seu máximo histórico tras medrar máis dun 68% nun lustro

 Esta tipoloxía de establecementos rexistrou o pasado ano 217.735 turistas en Galicia, o que supón un 0,6% máis que o ano anterior

A Xunta traballa nunha nova Estratexia de Turismo Rural co obxectivo de impulsar esta modalidade e contribuír á súa vinculación coa oferta dos xeodestinos

Datos do Turismo Rural de Galicia.

O turismo rural acadou un máximo histórico ao longo de 2018 ao rexistrar un total de 217.735 viaxeiros aloxados, o que supón un 0,6% máis que no ano anterior e un crecemento do 68% durante o último lustro.

Os datos difundidos  polo Instituto Nacional de Estatística (INE) permiten constatar a notable evolución que esta tipoloxía turística está a experimentar desde 2013, dado que hai só cinco anos a cifra total de viaxeiros nas casas de turismo rural era de 129.179.
 
Malia que este sector amosou en 2017 un comportamento moi por riba do esperado, en 2018 foi quen de superar o seu resultado no total de viaxeiros. Por outra banda, obsérvase unha redución no que se refire ao número de pernoitas no último ano, aínda que novamente se sitúa moi por riba dos datos acadados no período analizado. Se en 2013 o total de pernoitas en turismo era de 259.151, en 2018 rematou con 416.423, é dicir, un 61% máis.
 
Ao marxe destes aspectos cuantitativos, a Consellería de Cultura e Turismo, de man do sector, traballa na aposta pola calidade, en liña co modelo turístico xeral da Comunidade. Neste sentido, prepara un novo Plan Estratéxico de Turismo Rural, no que vén centrando importantes esforzos nos últimos meses para darlle un impulso decidido a esta modalidade de aloxamento, vinculada en especial a zonas rurais do interior e ao turismo mariñeiro.
 
Modernización de aloxamentos
Neste sentido, aspírase a aumentar os vínculos dos establecementos coa oferta e os recursos que cada xeodestino ofrece, a fin de xerar unha experiencia integral para o viaxeiro que afonde nos aspectos diferenciadores máis singulares de ditas comarcas.
 
Igualmente, os establecementos de turismo poderán beneficiarse das axudas previstas no Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, aprobado no Consello da Xunta da semana pasada, e que contén numerosas subvencións de diversos departamentos autonómicos e actuacións complementarias para actualizar e renovar a oferta aloxativa da Comunidade.
 
Arriba
Axúdanos a mellorar!