LEI 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. (Vivendas de Uso Turistico)
Vivendas de uso turístico
1. Terán a consideración de vivendas de uso turístico as cedidas a terceiras persoas cunha finalidade turística. Para estes efectos, entenderase que existe finalidade turística cando a cesión se realice de maneira reiterada e a cambio de contraprestación económica, para unha estadía de curta duración. Constitúen estadías de curta duración aquelas en que a cesión de uso é inferior a trinta días consecutivos. Considerarase cesión reiterada cando a vivenda se ceda dúas ou máis veces dentro do período dun ano.
2. A comercialización das vivendas de uso turístico previstas no número 1 deberá consistir na cesión temporal do uso e desfrute da totalidade da vivenda, sen que se poidan formalizar contratos por cuartos nin coincidir dentro da vivenda persoas usuarias que formalicen diferentes contratos. Ademais, as vivendas deberán estar amobladas e equipadas en condicións de dispoñibilidade inmediata e coas características establecidas por vía regulamentaria.
As vivendas de uso turístico poderán ser comercializadas, ademais de polas empresas turísticas reguladas no artigo 33.1, polos seus propietarios ou pola persoa física ou xurídica que os represente. Neste último suposto, e sen prexuízo da consideración da vivenda como aloxamento turístico, non se aplicará o disposto no artigo 33.2.
3. As persoas propietarias e/ou comercializadoras quedarán obrigadas fronte á Administración turística ao cumprimento das obrigas impostas na presente lei e nas normas que a desenvolven, e responderán de maneira solidaria fronte a aquela, incluída a obriga de subscribir e manter vixentes os seguros de responsabilidade civil para estas vivendas.
Así mesmo, as empresas turísticas ou as persoas propietarias que comercialicen as vivendas de uso turístico deberán proporcionar, cunha periodicidade trimestral, á entidade pública instrumental competente en materia de turismo os datos de ocupación das vivendas de uso turístico.
4. As vivendas de uso turístico requiren da correspondente declaración previa de inicio de actividade ante a Administración turística.
5. En toda publicidade ou actuación de promoción que se realice, por calquera medio ou canle, deberá figurar o código de inscrición correspondente no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de non dispoñer del, o código acreditativo da presentación da declaración responsable que facilite a Administración.
6. As cesións temporais do uso e desfrute de vivendas que non cumpran os requisitos establecidos no número 1 deste artigo non terán a consideración de servizos ou actividades turísticas, de acordo co establecido no número 2 do artigo 21 desta lei, polo que quedan fóra do seu ámbito de aplicación.
De acordo con iso, en garantía e protección dos dereitos das usuarias e usuarios turísticos, estas cesións non poderán promocionarse, comercializarse nin publicitarse en canles de oferta turística ou por calquera outro modo de comercialización, promoción ou publicidade como servizos ou actividades turísticas ou de tal forma que creen confusión con estes servizos ou actividades. Para estes efectos, entenderase que se crea confusión cando se utilicen canles de oferta turística sen advertencia expresa de que o aloxamento non ten a consideración dun servizo ou actividade turística nin, por tanto, está regulado pola normativa sectorial en materia de turismo nin amparado pola Administración turística.
A contravención da prohibición prevista neste número será subsumible na infracción tipificada no artigo 110.15.».
Artigo 34. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
A letra c) do número 3 do artigo 78 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, queda redactada como segue:
«c) A publicidade ou os carteis en tramos non urbanos que excedan a finalidade meramente indicativa para a localización de servizos ou establecementos, o que terá que ser expresamente autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, contando co informe vinculante previo da entidade pública instrumental con competencias en turismo. En tramos urbanos, a súa regulación corresponde ao respectivo concello.».