05 xuñ 2017

A Xunta creará paquetes de servizos turísticos para a promoción e posta en valor dos parques naturais de Galicia

 Trátase dunha acción conxunta que  refrendaron as responsables dos departamentos de Medio Ambiente e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de fomento do uso público e o impulso socioeconómico sostible dos espazos protexidos

Grazas a este convenio de colaboración, enmarcado no Plan de Promoción da Rede de Parques Naturais de Galicia, poranse en marcha diversas accións que permitirán aos visitantes gozar dunha experiencia ecoturística integral mediante visitas guiadas, restauración e descanso

A titular de Medio Ambiente, Beatriz Mato, afirmou que “estamos a lograr o obxectivo da posta en valor dos parques naturais para convertelos nuns espazos máis coñecidos e atractivos para os galegos e os que nos visitan”

Ademais, a través de Turismo, o patrimonio natural de Galicia estará presente en vindeiras feiras sectoriais, como a B-Travel de Barcelona, a Intur de Valladolid, na Delta Birdding Festival e Birfair

 A Xunta elaborará paquetes de servizos turísticos para a promoción e posta en valor dos parques naturais de Galicia. Trátase dunha acción conxunta que refrendaron a titular do departamento de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para desenvolvemento de actividades de fomento do uso público e o impulso socioeconómico sostible dos espazos protexidos e a súa contorna.

Grazas a este convenio de colaboración, enmarcado no Plan de Promoción da Rede de Parques Naturais de Galicia, poranse en marcha diversas accións, que permitirán a todos os visitantes gozar dunha experiencia turística integral mediante visitas guiadas, restauración, lecer e descanso “sempre co máximo respecto a estes espazos especialmente sensibles”, apuntou Beatriz Mato.

Así, tal e como recolle este acordo, o departamento de Turismo comprométese á creación deste produto turístico e edición dos folletos informativos correspondentes e á execución do traballo de campo, que consiste en identificar os establecementos de restauración e aloxamentos situados na contorna dos parque naturais, que polas súas características encadren neste proxecto, así como as actividades de turismo activo que poden ofertar dentro dese ámbito.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente, que ten as competencias para o desenvolvemento socioeconómico sostible dos espazos protexidos, conservación, divulgación e dinamización do medio natural; prestará a colaboración e asistencia técnica necesaria para o cumprimento dos obxectivos deste convenio e para gardar a coherencia das actuacións previstas coa planificación específica de cada espazo natural, como establece o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia e o Plan sectorial de Turismo e Natureza.

Nesta liña, a titular de Medio Ambiente indicou que “o desenvolvemento de actividades turísticas nestas contornas require dunha planificación ordenada e coherente coa preservación dos espazos especialmente sensibles e a conservación da súa autenticidade e valores patrimoniais”. De aí, engadiu Beatriz Mato, a necesidade de articular actuacións “conxuntas e coordinadas entre os distintos departamentos da Administración co fin de optimizar recursos e tamén resultados”. En definitiva, resumiu a conselleira, “sumamos esforzos cara ao desenvolvemento integral da economía galega”.

Nava Castro asegurou que con esta medida fomentarase o uso público do patrimonio natural, un patrimonio natural, dixo, "que no eido turístico nos fai fortes. Porque a natureza é a primeira razón pola que as persoas que nos visitan escollen Galicia e é por iso tamén un dos eixos da Estratexia do Turismo 2020", indicou.

Aumenta o número de visitantes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asegurou que “estamos a lograr o obxectivo da posta en valor dos parques naturais para convertelos en espazos máis coñecidos e atractivos para os galegos e os que nos visitan” e proba diso é que, o ano pasado, o número de visitantes aos seis parques naturais de Galicia creceu, respecto ao 2015, en máis de 78.000, isto é, un incremento do 33 por cento.

Polo tanto, “a afluencia medra ano a ano”, apuntou Mato Otero e, en boa medida, “débese á posta en marcha dos recursos e servizos necesarios para visitalos, é dicir, persoal de atención, programacións completas de actividades e un gran esforzo de promoción”.

Promoción turística

A sinatura do convenio de colaboración entre Medio Ambiente e Turismo é unha mostra do grao de desenvolvemento do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que se puxo en marcha en decembro do ano pasado e que terá unha vixencia de catro anos. Cómpre lembrar que este Plan conta cun orzamento de catro millóns de euros e contempla ata 29 actuacións específicas para “promover o noso patrimonio natural e crear sinerxías entre as iconas naturais de Galicia”.

Así, para lograr estes obxectivos, ademais da creación dos paquetes turísticos, a Axencia incluirá dentro das súas campañas de promoción do patrimonio natural de Galicia e o levará ás feiras máis destacadas do sector, como son como a B-Travel de Barcelona, a Intur de Valladolid, na Delta Birdding Festival e Birfair.

 

 

Arriba