14 mar 2014

Nava Castro anunciou que Turismo de Galicia destinará 400.000 euros ás axudas dirixidas ao sector turístico galego

As ordes de axudas están orientadas ao mantemento e renovación dos distintivos de Calidade Turística, á contratación de persoal para as oficinas de Turismo dos Municipios Turísticos así como ás axencias de viaxes para o desenvolvemento de actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia.

Presentación, en Santiago, do plan de axudas ao sector turístico galego.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez anunciou as subvencións que o seu departamento pon a disposición do sector. Turismo publicou ordes para a certificación, mantemento ou renovación dos distintivos Q de Calidade Turística para os establecementos turísticos galegos; para os Concellos declarados Municipios Turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de Turismo os meses de xuño, xullo, agosto e setembro; así como para as axencias de viaxe para o desenvolvemento de actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia.


A directora de Turismo de Galicia resaltou que cun orzamento total de 400.000 euros, Turismo de Galicia inviste no impulso da calidade nos servizos e destinos turísticos así como na comercialización e difusión das cualidades diferenciais do destino Galicia.
Segundo apunto, a Xunta de Galicia conta cun Plan Integral de Turismo de Galicia que é a folla de ruta a seguir para “conseguir acadar os retos do noso sector turístico”. O o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial a nivel interno, nacional e internacional; a consolidación de Galicia como destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizadora; a aposta de Galicia como modelo europeo de turismo sostible; así como afianzar un sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional conforman os retos dun sector que supón o 10,6% do PIB de Galicia e máis o 11,23% do emprego.
A directora de turismo resaltou que “o turismo quere ser o tractor dos sectores económicos de Galicia e exercer como elemento dinamizador da economía galega”.
Calidade Turística

Así, Nava Castro explicou que Turismo de Galicia na súa estratexia de incentivar a calidade como elemento diferencial do destino, pon a disposición dos establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, cafeterías, bares e restaurantes, así como empresas de servizos turísticos complementarios nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, ao obxecto da obtención e mantemento da marca Q de Calidade Turística Española unha orde de axudas dotada con 100.000 euros, incrementando en 25.000 euros a dotación para esta orde a respecto do ano 2013. O ano pasado, un total de 115 negocios e centros de hostalería, restauración e lecer do territorio galego obtiveron axudas da Administración Turística galega para a obtención ou mantemento desta certificación en 2013. E 16 deles estrearon distintivo e 99 recibiron subvencións para a renovación e seguimento das correspondentes normas UNE.
Municipios Turísticos
Doutra parte en liña coa estratexia do Plan Integral de Turismo de Galicia sobre o consenso e a cooperación entre o sector público e privado para un marco eficiente e xerador de oportunidades, inclúese unha acción orientada ao apoio ao desenvolvemento dos destinos.


Neste contexto, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia publicase unha liña de axudas orientadas a concellos declarados Municipios Turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro . A afluencia turística nestes meses fai necesaria a contratación de persoal nas oficinas de turismo para o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de xeito que se potencie a imaxe do municipio de Interese Turístico así como a imaxe do destino Galicia no seu conxunto. A orde de axudas está dotada con 175 mil euros.


A directora de Turismo explicou que a orde de axudas de 2013 permitiu a contratación de 26 técnicos para as oficinas de información turística de 20 concellos con declaración de Municipio Turístico de toda Galicia. Preto do 50% dos Municipios Turísticos con esta declaración acolléronse ás axudas e puideron mellorar a calidade do seu servizo de atención aos visitantes durante a época de maior afluencia.


Axencias de Turismo
O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na súa segunda liña estratéxica a oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos recóllese unha acción destinada á mellora e dinamización dos 10 produtos cabeceira da marca Galicia. O lanzamento dos 10 produtos cabeceira da marca turística de Galicia verase continuado e reforzado a través desta acción, que persegue apostar pola mellora cualitativa e cuantitativa de cada un deles.


Así, segundo explicou Nava Castro, Turismo de Galicia publica unha orde de axudas para axencias de viaxe para o desenvolvemento das actividades de promoción e comercialización turística do destino Galicia.


Os proxectos subvencionables consistirán principalmente no deseño de accións e actuacións especializadas na promoción e comercialización dos produtos cabeceira da marca turística de Galicia. Tamén serán proxectos subvencionables os paquetes turísticos orientados ao turismo de golf e/ou turismo ornitolóxico. A orde de axudas para axencias de viaxes está dotada con 125.000 euros.


Segundo explicou a directora de Turismo, Turismo de Galicia concedeu subvencións a 9 axencias de viaxes para a promoción e comercialización do destino Galicia a través da orde de subvencións de 2013.


O prazo de presentación de solicitudes para as axudas 2014 será dun mes contado a partir da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
A presentación de solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Poden obterse información na web de Turismo de Galicia (http://turismo.xunta.es)

 

Arriba