10 xul 2017

Nava Castro salienta o papel do turismo idiomático como eficaz disciplina de inmersión do turista nos costumes locais

 Lembrou o seu papel emerxente en Galicia ao conseguir atraer cada vez a máis grupos específicos de visitantes cun perfil moi marcado

 
Indicou a aposta do seu departamento, subliñada na Estratexia do turismo 2020, para continuar impulsando estas iniciativas da man das universidades
 

 O turismo idiomático está a emerxer nos últimos anos en Galicia conseguindo atraer a numerosos grupos específicos de visitantes cun perfil moi marcado e converténdose nunha eficaz disciplina de inmersión do turista nos costumes locais.

Así o asegurou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no transcurso da inauguración dos cursos internacionais de verán da Universidade de Santiago. Uns cursos que, como indicou, en cada edición se están a converter “nunha ocasión única para que alumnos de todas as partes do mundo podan coñecer o noso destino e a nosa cultura da man da formación en idiomas”, explicou.

Neste sentido, a responsable de Turismo da Xunta lembrou a aposta do seu departamento por impulsar esta modalidade turística que está a ter un gran éxito e que se leva a cabo a través da colaboración coas universidades galegas. Así, avanzou que, entre as liñas de actuación previstas na Estratexia do turismo de Galicia 2020 inclúese o impulso ás experiencias turísticas emerxentes entre as que se atopa o turismo idiomático. Para iso, indicou “aproveitaremos esta experiencia da Universidade compostelá coa que colaboramos para continuar apoiando estas iniciativas que, ademais, fomentan estancias de longa duración”.

Impulso ao turismo internacional

Iniciativas como esta son, cada ano, un gran impulso para o turismo internacional que chega a Galicia, un mercado con gran potencial de crecemento na Comunidade galega. Neste sentido, Nava Castro resaltou, o papel deste mercado exemplificado no Camiño de Santiago.

Como indicou, grazas a el, no que vai de ano chegaron á nosa comunidade máis de 120.000 peregrinos dos que máis do 60% son estranxeiros, peregrinos de máis de 150 nacionalidades diferentes. Ademais, Galicia no seu conxunto rexistrou máis de 640.000 pernoitas internacionais nestes primeiros meses do ano.

 

Arriba