Unha Comisión do Consello de Turismo de Galicia realizará un seguimento específico das actuacións do Plan Integral de Turismo
A directora de Turismo de Galicia expuxo aos membros do órgano consultivo as accións e actuacións que integran as seis liñas estratéxicas do plan así como as funcións da comisión de seguimento do mesmo, o calendario de actuacións e os obxectivos fundamentais que persegue a aplicación das accións contidas no documento.
Unha das comisións que integran o órgano consultivo realizará un seguimento e avaliación mensual das diferentes actuacións que conforman o documento que será a folla de ruta a seguir de cara ao 2016.
O Consello de Turismo de Galicia celebrou unha sesión extraordinaria na que interveu a directora de Turismo de Galicia para explicar aos membros do órgano consultivo de xeito pormenorizado as accións e actuacións que forman parte do Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016.
O Consello de Turismo de Galicia é un foro participativo de axentes públicos e privados que desenvolven o seu traballo diario no eido do turismo ou en materias de clara incidencia neste sector.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, explicou que “o obxectivo do plan é xerar un efecto dinamizador da economía galega no sector do turismo e unha proxección internacional da comunidade”. Ao tempo, resaltou a innovación e a competitividade como características fundamentais do plan. Así como a diferenciación e a participación como criterios clave.
Na sesión extraordinaria acordouse que unha das comisións que forman parte do Consello de Turismo de Galicia sexa a encargada de realizar un seguimento mensual das actuacións que conforman o documento de liñas estratéxicas. A comisión poderá avaliar as medidas postas en marcha, así como facer suxestións.
Turismo de Galicia realizará o seguimento e avaliación do plan mediante a asignación dunha comisión de seguimento e control e un cadro de indicadores. A comisión de seguimento reunirase con periodicidade mensual, acorde á duración do plan e de xeito que garanta a capacidade de aplicar medidas de recondución das accións cando sexa necesario.
A comisión elaborará informes de seguimento que recollerán o grao de avance e cumprimento das accións planificadas.De tal xeito que se poidan avaliar o nivel de desenvolvemento das accións así como o seu impacto.
Documento consensuado e participativo
A directora de Turismo comentou que o Plan Integral de Turismo de Galicia contou coa participación activa do sector. Foi acordado e coordinado entre as distintas administracións públicas, as organizacións representativas do sector privado nacional e internacional e un panel de expertos.
O Camiño de Santiago, o Patrimonio, a enogastronomía e a natureza son as fortalezas do destino e “o noso reto con este plan é facer de Galicia unha marca diferencial, un destino multiexperiencial, cun modelo sostible e cun sector turístico competitivo, proactivo, innovador, coordinado e cunha visión internacional”.