13 feb 2014

A Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo presentaron hoxe unha aplicación para o Camiño de Santiago

A directora de Turismo, Nava Castro Domínguez, resaltou sobre esta nova ferramenta que permite dotar de valor engadido a experiencia de ser peregrino, ao tempo que se facilita información sobre o noso destino que complementa a estadía cultural e permite descubrir a gastronomía e os recursos naturais e culturais de maneira sustentable.
A nova aplicación enmárcase na colaboración entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta de Galicia para impulsar o Camiño de Santiago como Destino Turístico Intelixente.

Presentación da APP do Camiño de Santiago, hoxe no Hostal dos Reis Católicos.

O Camiño de Santiago conta cunha aplicación, desenvolvida por Segittur, que foi presentada en Santiago. No acto de presentación interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, e mais o presidente de Segittur, Antonio López de Ávila.

A aplicación Camino de Santiago en Galicia xeolocaliza o usuario e permítelle seguir o trazado de cada etapa e ir obtendo información útil sobre os albergues, monumentos e recursos turísticos. A acción enmárcase na colaboración entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e a Xunta de Galicia para impulsar o Camiño de Santiago como Destino Turístico Intelixente. O obxectivo desta iniciativa é a xeración de experiencias turísticas integrais.

O Camiño como eixo vertebrador
Na súa intervención durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia recalcou a relevancia do Camiño de Santiago, recoñecida a nivel internacional a través das súas declaracións como Primeiro Itinerario Cultural Europeo e como Patrimonio da Humanidade da UNESCO, ao tempo que incidiu no feito de que a ruta xacobea se atopa “máis viva que nunca”. O ano pasado percorreron as rutas xacobeas máis de 215 mil peregrinos, un 12% máis que en 2012 e entre eles había camiñantes procedentes de máis de 150 países.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia “hoxe o camiño é o noso símbolo de identidade, pero tamén un potente elemento desestacionalizador e captador de turismo internacional e que é fundamental para o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial”. Ademais, explicou que o Camiño de Santiago conforma a primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia. “O Camiño é o eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e é modelo demostrador internacional”, precisou a directora.

Nava Castro engadiu ademais que co fin de desenvolver esta liña estratéxica levaranse a cabo accións como o desenvolvemento do Plan Director do Camiño de Santiago, con especificacións para cada unha das rutas, así como o posicionamento do Camiño como referente de sustentabilidade. Ao tempo, incidiu na aposta polo incremento do valor engadido da Ruta e a rendibilidade do Camiño, así como polo establecemento de canles de captación directa de peregrinos internacionais.

Ao tempo, recalcou que Turismo de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo e mais Segittur están a traballar na posta en marcha do proxecto pioneiro Smart Camino, que pretende consolidar a Ruta Xacobea como referente de destino turístico intelixente e a posta en marcha dun sistema de xestión, unha plataforma de información turística de xeorreferenciación e consulta.

Segundo matizou Castro, a aplicación que se presentou hoxe permite “dotar de valor engadido a experiencia de ser peregrino, ao tempo que se facilita información sobre o noso destino que complementa a estadía cultural e permite descubrir a gastronomía e os recursos naturais e culturais de maneira sustentable”.

Sendegal
Ao tempo, a directora de Turismo recalcou que Turismo de Galicia ten xa unha aplicación que recompila os sendeiros homologados de todas as categorías. A través da aplicación o Camiño de Santiago dispón xa dunha ferramenta baseada nas novas tecnoloxías dispoñible para todos aqueles que desexen obter información puntual sobre os tramos concretos.En Galicia hai catro sendeiros homologados como GR, isto é, Gran Percorrido: Panorámico de Vigo, Sendeiro das Greas, Rural de Galicia e o Camiño de Santiago

A aplicación, que se chama Sendegal pódese buscar nas bibliotecas ou app stores tecleando as palabras “Senderismo Galicia”. Pode descargarse gratuitamente para os móbiles de última xeración. A información proporciónase en galego, en castelán e en inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación.

A aplicación ‘Camino de Santiago en Galicia’
A través da aplicación pódese acceder a recursos multimedia e compartir contidos nas redes sociais, así como valorar os recursos a través dun sistema de check-in e puntuación con estrelas. Tamén se pode obter información sobre eventos, meteorolóoxía ou contar con ferramentas como unha brúxula ou unha lanterna.

A aplicación inclúe información sobre nove etapas en Galicia en español e mais en inglés: o Cebreiro-Triacastela; Triacastela-Sarria (por San Xil); Triacastela-Sarria (por Samos); Sarria-Portomarín; Portomarín-Palas de Rei; Palas de Rei-Melide; Melide-Arzúa; Arzúa-O Pedrouzo (O Pino); O Pedrouzo (O Pino)- Santiago.

A nova ferramenta permite, ao tempo, obter datos sobre a demanda do turista, mellorar as experiencias turísticas no destino e ser máis eficientes na xestión dos recursos. Está dispoñible para Android e proximamente estarao tamén para iOS.

Spain Feedback Galicia
Xunto coa nova aplicación sobre o Camiño, presentouse a aplicación Spain Feedback Galicia que permite coñecer o nivel de satisfacción do turista tras a súa viaxe a Galicia a través dunha enquisa. Esta dispoñible en español, galego, inglés, francés, alemán e portugués.

Arriba