17 out 2013

Turismo de Galicia e as rutas dos viños desenvolven este outono actividades dirixidas á desestacionalización turística do destino

As Rutas dos Viños de Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei e O Ribeiro aglutinan accións que achegan ao viaxeiro ao sector vitivinícola e ofrecen unha posibilidade diferente de coñecer Galicia a través do enoturismo.

Monforte, Pontevedra e Ourense acolleron  presentacións das actividades que vinculan a enoloxía coa gastronomía, co patrimonio cultural, coa tradición e coas manifestacións culturais.
 

Cartel anunciador dunha das actividades relacionadas con este acordo.

Turismo de Galicia e a Asociación de Rutas dos Viños de Galicia, no marco dun convenio para a promoción do viño como elemento de reclamo, puxeron en marcha un programa de actividades para a difusión das posibilidades enoturísticas do destino e para promover accións de desestacionalización.

A delegación da Xunta en Ourense, o Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte e mais a delegación da Xunta en Pontevedra acolleron  presentacións das actividades realizadas polas Rutas dos Viños enclavadas en cada unha das provincias.

Así, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do presidente da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, realizou  balance da iniciativa Rutas do Viño que ten como obxectivo potenciar o turismo enolóxico na provincia de Pontevedra.

Actividades nas Rutas dos Viños de Galicia


As accións das Rutas dos Viños engloban unha serie de actividades enogastronómicas e culturais (como visitas teatralizadas, harmonías entre gastronomía e enoloxía, exposicións, concertos, etc...) que se veñen desenvolvendo nos últimos meses nos establecementos adheridos á Ruta das Rías Baixas. “A isto hai que engadir un Viñobús que está a percorrer os territorios nas datas de celebración das actividades para acadar a participación do maior número de establecementos e participantes” e que no caso da Denominación de Orixe Rías Baixas está a ser todo un éxito”, segundo apuntou Cores Tourís. Na Ruta do Viño das Rías Baixas participan nestas actividades 18 adegas (5 no Condado, 3 no Rosal e 10 no Salnés) e 10 hoteles-restaurantes (2 Rosal e 8 no Salnés). Tanto o delegado territorial como o presidente da Denominación de Orixe destacaron o éxito do bus do Viño que comezou no mes de setembro e que rematará a finais deste mesmo mes. “Ten saídas en Vigo e Pontevedra e o seu prezo é de 12 euros”, explicou Cores Tourís. “Ao principio comezamos con poucas prazas pero en seguida tivemos que aumentar o número debido ao éxito da iniciativa”, engadiu pola súa banda Juan Gil de Araújo.

Outras actividades da Ruta do Viño Rías Baixas son Camiñando entre viñedos, Sabores e escapada de vendima e a ruta BTT Vedra-Ribeira do Ulla. Pola súa parte, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez incidiu no feito de que apostar polo potencial enoturístico de Galicia repercute no incremento dos fluxos turísticos, desestacionaliza a demanda, desenvolve a economía local e rexional e crea unha imaxe de destino de calidade ao tempo que impulsa a produción”.

Neste sentido, destacou que as citas nas Rutas dos Viños enclavadas na provincia de Ourense foron o sábado 19 en Monterrei –onde se celebra o I Festival da Vendima- e mais o domingo 20 no Ribeiro –cunha actividade de Viñobús combinado co Túnel do Viño-. Ambas convocatorias ofrecen a posibilidade de que os participantes vivan a experiencia de vendimar, asistan a unha explicación en adega e degusten o viño. O día 26, a ruta do Viño da Ribeira Sacra organiza unha camiñada pola zona do Miño que partirá de Santo Estevo de Ribas de Miño ata chegar a Belesar.

De igual modo, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias destacou que “coas Rutas do Viño fusionamos todos os recursos e servizos turísticos de interese da zona nun só produto” e engadiu que a través delas “conséguese a promoción e comercialización conxunta de toda a zona dunha forma integral”.

Arias sinalou que a Xunta de Galicia traballa co obxectivo de que a Ribeira Sacra siga crecendo como destino turístico e consiga visitantes ao longo de todo o ano. “Para iso impulsa iniciativas como o Outono Gastronómico, no que participan once casas de turismo rural desta zona, ou os Concertos de Outono”.

Os delegados estiveron acompañados nas presentacións dos presidentes das Rutas dos Viños de Galicia que explicaron as diferentes actividades que se podían presenciar en cada zona vitivinícola das cinco Denominacións de Orixe Protexida de Galicia.
 

Arriba