A directora de Turismo de Galicia e o embaixador de España en Xapón mantiveron unha reunión no marco das accións promocionais de Turismo de Galicia no país asiático
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o embaixador de España en Xapón, Miguel Ángel Navarro Portera reuníronse hoxe en Toquio para colaborar en aspectos relacionados coa promoción de Galicia como destino e do Camiño de Santiago en Xapón.
O Monte do Gozo conta dende o día 24 de outubro cunha placa conmemorativa do Ano Dual España-Xapón, que foi inaugurada polo embaixador de Xapón en España.
O obxectivo dos diversos encontros institucionais que estes días mantén a delegación galega é a organización en 2014 dunha Semana de Galicia en Xapón, que contará con degustacións gastronómicas e con exposicións, entre outras actividades.
Ademais, Turismo de Galicia en colaboración coa OET de Toquio organizará en 2014 un famtrip cos principais operadores xaponeses con motivo do Ano Dual España-Xapón para difundir o destino Galicia.
No marco da visita promocional que estes días realiza unha delegación de Turismo de Galicia a Xapón e Corea, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, mantivo un encontro nas dependencias da Embaixada de España en Xapón con Miguel Ángel Navarro Portera, embaixador de España no país nipón. No encontro estivo presente tamén a directora da Oficina de Turismo de España en Tokio, Beatriz Marco.
A directora de Turismo de Galicia abordou co embaixador aspectos relacionados coa promoción turística do destino, con posibles liñas de colaboración no marco dos actos conmemorativos do Ano Dual España-Xapón, así como coa promoción do Camiño de Santiago no mercado xaponés como o produto turístico estrela da comunidade galega.
Ademais de ocupar a Embaixada de España en Xapón, Miguel Ángel Navarro foi representante diplomático de España en Corea, Australia e ante as Comunidades Europeas, entre outros cargos. Segundo avanzou na súa visita a Santiago o pasado día 24 de outubro o embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh, o embaixador de España en Xapón percorre por etapas o Camiño Kumano Kodo, de igual modo que Satoru Satoh percorre varias etapas do Camiño de Santiago, nunha sorte de intercambio de experiencias entre ambos os percorridos irmandados.
Semana de Galicia en Xapón
A directora de Turismo avanzou que os representantes institucionais que compoñen a delegación galega que estes días visita o país nipón realizarán, de igual modo, varios tramos do Camiño Kumano Kodo. De igual modo, avanzou que se traballa dende a Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia na organización en 2014 dunha semana de Galicia en Xapón, motivo polo que se están a manter esta serie de encontros como o celebrado hoxe co embaixador de España en Xapón.
A Semana de Galicia en Xapón contará con diversas accións promocionais e actividades, entre as que destacan degustacións gastronómicas e de produtos galegos, así como unha exposición.
O encontro contou tamén con presentacións sobre o Camiño de Santiago, entre elas, a da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño en Xapón, Tomoko Morioka.
Reunión coa directora da Oficina de Turismo de España en Tokio
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo tamén un encontro de traballo coa directora da Oficina de Turismo de España en Toquio, Beatriz Marco. Neste encontro, acordaron a organización para o ano 2014, no marco da celebración do Ano Dual, dun famtrip cos principais touroperadores xaponeses ao destino Galicia dado o interese que esperta Galicia e o Camiño de Santiago no mercado nipón,.
Placa conmemorativa do Ano Dual en Santiago
Nava Castro Domínguez e Satoru Satoh inauguraron o pasado día 24 de outubro en Santiago de Compostela a placa situada no miradoiro do Monte do Gozo relativa ao Ano Dual España-Xapón, evento que conmemora os 400 anos de relación entre España e o país nipón. Segundo explicara no seu día a directora de Turismo de Galicia, o monolito é un xeito de agradecer a presenza da Súa Alteza Real o Príncipe Naruhito en Galicia este mesmo ano.
No Camiño de Santiago, Xapón é o segundo mercado asiático por detrás de Corea. Con 860 peregrinos rexistrados no pasado ano -cifra correspondente ao número de Compostelas expedidas pola Oficina do Peregrino –supón o 1% do total de peregrinos estranxeiros chegados a Galicia. Un de cada cen peregrinos estranxeiros que chega a Galicia procede do país nipón.