Arousa Norte organiza coa colaboración de Turgalicia visitas para dar a coñecer a súa oferta turística sensitiva para persoas cegas
Integrantes de distintos movementos asociativos de Cataluña viaxan a Arousa Norte para coñecer a oferta turística sensitiva para persoas cegas.
Coñecerán os recursos turísticos máis destacados da zona grazas a un programa experiencial adaptado, que inclúe desde unha visita sensitiva ao miradoiro da Curota até unha aproximación ao cultivo do mexillón, entre outras actividades.
O sector empresarial turístico de Arousa Norte é un bo exemplo de anfitrión e facilitador da Accesibilidade Universal.
A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, integrada polos concellos coruñeses da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Riveira, leva anos apostando por un proxecto de turismo accesible pioneiro en España, dirixido a persoas con diversidade funcional visual, que xa obtivo dous importantes galardóns: o Premio Solidario do Once en 2011 e o recoñecemento de Turespaña, a través do ITH, como un dos once produtos turísticos máis exitosos do país, este mesmo ano.
Por este motivo, a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e grazas ao apoio de Turgalicia, levará a cabo un programa de viaxes de familiarización (famtrip) co fin de consolidar a oferta turística que existe en Arousa Norte para persoas con diversidade funcional visual. Este programa realizarase durante os meses de novembro e decembro.
As persoas participantes serán membros de asociacións relacionadas coa discapacidade visual en Cataluña e entre elas atópanse ACIC, a Asemblea per a Diversitat e a Asociació Discapacitat Visual Catalunya.
O primeiro grupo, integrado por membros de ACIC, trasladarase a Arousa Norte esta fin de semana (do 8 ao 10 de novembro) e os grupos restantes realizarán o percorrido do 15 ao 17, do 22 ao 24 de novembro e do 13 ao 15 de decembro.
XORNADA DO SÁBADO, 9 DE NOVEMBRO
Unha persoa cega nun miradoiro?
A primeira visita sensitiva comezará este sábado, 9 de novembro ás 9.30 h. cun ascenso ao miradoiro de Valle-Inclán, A Curota (A Pobra do Caramiñal) como carta de presentación do destino. O que terán diante é a paisaxe da ría de Arousa e punto de referencia para situarse espacialmente.
A visita a un miradoiro é posible grazas ás explicacións da guía, nas que se toma como base a silueta da man e vaise percorrendo de esquerda a dereita as distintas contornas do destino. Desta forma, o visitante grava na súa memoria as características da paisaxe.
Ás 11.00 h. O grupo dirixirase ao Centro Arqueológico do Barbanza (Boiro) onde se utilizarán altorrelevos para a interpretación da sierra do Barbanza, os elementos funerarios do megalitismo ou os petroglifos e ás 12.30h. terá lugar a visita á estación rupestre de San Ramón de Bealo (Boiro).
A ruta do mexillón sensitiva. Para coñecer a perla negra da Ría de Arousa
A actividade estrela realizarase ás 16.00 h. coa empresa Hydronauta que durante o percorrido explicará o proceso de cultivo do mexillón. Jacinto será o anfitrión e facendo uso dos sentidos do tacto, o olfacto e o gusto, permitirá apreciar o valor do molusco máis prezado da ría de Arousa.
Un agasallo para os oídos
A xornada do sábado rematará cunha sorpresa que desde a Mancomunidade quérese incorporar ao paquete turístico: un concerto sensitivo no Restaurante Miramar (Boiro) a cargo de Helena de Alfonso, cantante do grupo Barahúnda, cuxa voz consegue facer estremecer ao público. Helena cativará coa súa historia; é de Madrid, namorouse de Arousa Norte, onde reside actualmente, e tamén é cega. O concerto será a partires das 21.30 h.
XORNADA DO DOMINGO 10 DE NOVEMBRO
Explicacións para comprender a beleza e historia da contorna
O domingo o grupo desprazarase ao Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo, Lagoas de Carregal e Vixán, e o Partenón do megalitismo en Galicia, o dolmen de Axeitos (Riveira). O primeiro recorrido farase ñas 10.15h. e o segundo ás 12.30h.
En Arousa Norte non temos empresarios turísticos, temos anfitrións
Cun enfoque práctico, a formación que recibiron os empresarios turísticos serviu para algo máis que para saber como recibir e atender a persoas con diversidade funcional visual. A innovación e a creatividade tan necesaria en tempos de crise, permite a este destino explorar novas formas de adaptar a oferta a un cliente cego, para que este poida cumprir os seus soños.
Folletos, paneis turísticos en braille e anfitrións preparados en Arousa Norte
Esta oferta turística adaptada integramente para persoas cegas supuxo unha importante motivación para o sector empresarial turístico xa que, no ano da súa creación (2010), era única en España. A distinción desta oferta reside nos anfitrións de Arousa Norte, o sector empresarial turístico, formado por establecementos de turismo rural, restaurantes e empresas de lecer que actúan como facilitadores da Accesibilidade Universal no destino.