Turismo realizou hoxe no Instituto Cervantes de Tokio unha presentación de Galicia como destino de surf e de turismo activo
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director do Pantin Classic, Marcos Rodríguez; e mais o presidente da Asociación de Surf Profesional de Europa, Robert Gunning realizaron unha presentación das potencialidades turísticas de Galicia como destino para a práctica do surf.
No relatorio abordáronse tamén os recursos asociados á práctica do turismo activo e do turismo de aventura para xornalistas e axentes especializados do país nipón.
A directora de Turismo de Galicia reuniuse tamén co director do Instituto Cervantes, Antonio Gil para abordar aspectos relacionados coa promoción turística e cultural do Camiño de Santiago e do destino Galicia no mercado xaponés.
O Instituto Cervantes proxecta ata o día 20 de decembro un ciclo de cinema galego composto por seis filmes e dúas sesións de cine fórum que está a acadar gran éxito de público. O ano que ven acollerá unha mostra sobre o Camiño de Santiago.
O Instituto Cervantes de Tokio acolleu hoxe a presentación de Galicia como destino para a práctica do surf, así como para o desenvolvemento de actividades vinculadas ao turismo activo. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro foi a encargada de falar das potencialidades do destino e incidiu no feito de que Galicia conta con máis de 70 areais axeitados para a práctica do sur; así como no feito de que as rías galegas son navegables os 365 días do ano, o que converte a Galicia nun destino idóneo para a práctica de deportes náuticos.
A directora de Turismo explicou que Galicia dispón de ríos de abondoso caudal axeitados para a práctica de deportes de turismo activo como rafting, hidrospeed, kayak ou piragüismo, entre outros. De igual modo, e en relación coa auga, Nava Castro resaltou as potencialidades de Galicia como destino termal.
A presentación sobre Galicia como destino de surf contou tamén coa presenza de Marcos Rodríguez, director do Pantín Classic Galicia Pro e de Robert Guning manager da ASP Europe (Asociación de Surf Profesional) que realizaron unha presentación do evento deportivo máis internacional vinculado con este deporte que se celebra en Galicia e resaltaron as condicións da costa galega e os puntos técnicos importantes para que poidan ser tidos en conta polos surfistas xaponeses. A mesa contou tamén coa presenza do manager da ASP Japan, Toshiya Omi.
A presentación estivo dirixida aos responsables da Federación Xaponesa de Surf, aos membros da Asociación Profesional de Surf de Xapón e aos xornalistas e axentes de viaxes especializados en surf e turismo activo.
Encontro do director do Instituto Cervantes de Tokio
Previamente á presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez reuniuse hoxe en Tokio con Antonio Gil, director do Instituto Cervantes de Tokio. Antonio Gil dirixe o Centro Cultural Español na capital de Xapón dende setembro de 2012 e foi director dos centros do Instituto Cervantes en Leeds, Liverpool e Manchester. Ocupou tamén o cargo de director nos Institutos Cervantes de El Cairo, Alejandría, Tel-Aviv, Damasco e Estambul. O Instituto Cervantes de Tokio é o único centro oficial de España para a aprendizaxe de español no país asiático.
O obxectivo do encontro foi afondar nas iniciativas de promoción do destino Galicia que se poden desenvolver nese mercado asiático contando coa colaboración e a experiencia do Instituto Cervantes. O vindeiro ano 2014, o Instituto acollerá unha mostra sobre o Camiño de Santiago, segundo se concretou na xuntanza de traballo celebrada hoxe en Tokio.
De igual modo, a directora de Turismo de Galicia explicou ao director do Instituto os diferentes aspectos relacionados coa difusión da Ruta Xacobea en Xapón nos que está a traballar Turismo de Galicia, no marco das actividades conmemorativas do Ano Dual España-Xapón; así como o feito de que Galicia sexa sede das conmemoracións do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Ciclo de cinema galego
Grazas á colaboración do Instituto Cervantes con Turismo de Galicia, Tokio acolle ata o vindeiro día 20 de decembro un ciclo de cinema galego no que se están a proxectar seis filmes co obxectivo de ofrecer ao público xaponés unha visión da paisaxe e da cultura material e inmaterial de Galicia. Ademais ofreceranse dúas sesións de cine fórum impartidas por un profesor do instituto e creouse un espazo web no que se poderán coñecer as localizacións das rodaxes cinematográficas. Segundo explicou Antonio Gil, o ciclo de cinema está a acadar un gran éxito e rexistra unha gran afluencia de público.
O ciclo, incluído nas accións que se desenvolven no marco da conmemoración do Ano Dual España-Xapón, inclúe as seguintes películas: Mar adentro, La lengua de las mariposas, The Way, Romasanta, la caza de la bestia; 18 comidas e O Apóstolo. Todas elas con forte implicación da paisaxe na súa narración.