31 mar 2014

Praias das Rías Baixas dótanse de material para facilitar a accesibilidade

A directora de Turismo de Galicia participou no acto de entrega do material de accesibilidade dos recursos turísticos para instalar nas praias de Bamio-Campanario, O Bao/Camaxe, A Lanzada, Area da Cruz, Baltar, Silgar e Canelas.


A colaboración entre a Deputación de Pontevedra e Turismo de Galicia. permitiu a entrega de 390 pasarelas, 2 cadeiras anfibias e 6 zonas de sombra para areais de Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, O Grove e a Illa de Arousa.

 

Presentación na Lanzada do material para facilitar a accesibilidade ás praias.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, participou no Centro Vacacional da Lanzada no acto de entrega do material de accesibilidade dos recursos turísticos. Turismo de Galicia e mais a Deputación de Pontevedra colaboran para adaptar os areais ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. Así, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán realizaron a entrega de 390 pasareas, 2 cadeiras anfibias e 6 zonas de sombra para as praias de Bamio-Campanario, O Bao/Camaxe, A Lanzadda, Area da Cruz, Baltar, Silgar e Canelas.

No acto estiveron presentes tamén o alcalde do Grove, o alcalde da Illa de Arousa, o concelleiro de Servizos Xerais e Medioambiente de Sanxenxo e o concelleiro de Medioambiente e Servizos de Vilagarcía de Arousa.

O material supuxo un investimento de 56.056 euros. Esta adquisición inclúese nun convenio máis amplo que comprende ademais traballos de eliminación de barreiras de acceso en edificios e espazos de interese turístico cuxo investimento supera os 300 mil euros.

Na súa intervención, Nava Castro destacou que Turismo de Galicia traballa para difundir a imaxe do destino como un territorio no que vivir experiencias singulares e no que atopar opcións para o lecer en calquera época do ano. O feito de que Galicia conte con 1.659 quilómetros de costa e con 863 praias e que sexa a comunidade con máis estacións náuticas distinguidas con Q de Calidade Turística e a comunidade con máis Bandeiras Azuis en areais e en portos supón, segundo resaltou a directora, unha batería de elementos diferenciais que proxectan a imaxe do noso destino asociado á calidade.

Segundo comentou, é por isto que, Turismo de Galicia, a través do Plan Integral de Turismo identifica entre os nosos retos o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial, a consolidación de Galicia como destino multiexperiencial con oferta segmentada e desestacionalizadora; a concepción de Galicia como modelo europeo de turismo sostible e o afianzamento dun sector turístico innovador, competitivo, proactivo, coordinado e con visión internacional.

Nava Castro explicou que “ademais de potenciar os nosos valores específicos, temos que segmentar e priorizar os mercados emisores e optimizar as canles de promoción e comercialización do destino”. Segundo dixo, tendo en conta estas premisas, o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na liña estratéxica de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sostible unha acción dirixida á posta en marcha do Programa Galicia Turismo Accesible, unha actuación que pretende darlle continuidade ao traballo iniciado coa guía de Aloxamentos accesibles.

O obxectivo é aglutinar todas as experiencias postas en marcha en diferentes destinos galegos e deseñar as novas accións para presentar unha oferta turística de turismo social apta para todas as persoas, con independencia da súa idade, discapacidade ou situación.

Nesta liña inclúese a realización dun Plan Director de Accesibilidade Turística, que , segundo explicou, estará listo no primeiro semestre de 2015.

“Galicia ten que traballar por ser un destino máis concienciado e mellor formado, tendo en conta os diferentes subsectores turísticos en atención ao cliente con discapacidades”, explicou Nava Castro. E engadiu que “é necesario traballar na mellora na accesibilidade das empresas turísticas galegas e no patrimonio natural e cultural”. “O incremento dos destinos accesibles en Galicia e da oferta turística accesible é primordial para conseguir ser un destino diferenciado, con oferta específica para todo tipo de segmentos e caracterizado pola atención de calidade ao viaxeiro”, explicou.

 

Arriba