19 out 2013

A directora de Turismo participou no I Festival da vendima no marco das actividades da Ruta do Viño de Monterrei

Nava Castro realizou visitas ás adegas da zona, visitou a viña experimental do Inorde e presenciou a escenificación do pisado da uva no Castelo de Monterrei. A actividade enmárcase nas actuacións do convenio de Turismo de Galicia coas Rutas dos Viños de Galicia orientado á promoción conxunta da comunidade como destino turístico, promovendo e comercializando o enoturismo.

A directora de Turismo participou no I Festival da vendima no marco das actividades da Ruta do Viño de Monterrei

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, participou esta mañá nas diferentes actividades programadas con motivo do I Festival da Vendima na Ruta do Viño de Monterrei.

Turismo de Galicia traballa na promoción turística da combinación enoturismo y gastronomía, o que ten dado lugar á posta en valor como recurso turístico da enogastronomía e mais á creación do Primeiro Plan de Enogastronomía de Galicia. Co obxectivo de seguir potenciando o enoturismo en Galicia, asinouse un acordo de colaboración coas Asociacións das Rutas do Viño Rías Baixas, de Valdeorras, do Ribeiro, da Ribeira Sacra e Monterrei.

No marco dese acordo desenvólvense actuacións como este primeiro Festival da Vendima. As actividades que se celebraron hoxe en Monterrei incluíron a visita a Bodegas Gargalo, e mais ás adegas Quinta do Buble e Boo Riveiro. De igual modo, os participantes nas actividades puideron visitar a viña experimental do Inorde. O persoal técnico do Inorde realizou un percorrido polas distintas variedades acollidas á D.O. Monterrei, procedendo á súa colleita. O froito da vide foi trasladado nun carro de cabalos ao Castelo, onde se escenificou a operación do pisado da uva, a través da danza e a música tradicional.

Ao tempo, no interior da fortaleza deuse cita unha ampla representación da comarca, nunha mostra da artesanía, cultura e do produto local. A gastronomía e o viño centrados nos produtos propios e cunha ampla oferta puido degustarse nun espazo habilitado pola organización no patio do Castelo. As actividades estiveron amenizadas con numerosas actuacións, a través de diferentes manifestacións artísticas.

Os artesáns locais expuxeron a súa obra e celebráronse ademais obradoiros de temática vitivinícola como o de iniciación á cata. Houbo actividades de entretenemento, con obradoiros para os nenos, a recreación de xogos tradicionais, sorteos e concursos.

Aposta polo enoturismo
A aposta da comunidade galega pola Calidade Turística tamén incide no eido enoturístico. Ademais de ser a comunidade na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa Q de Calidade Turística e de ser líder no sector de balnearios, turismo rural ou turismo activo, Galicia ocupa a primeira posición en certificacións Q de Calidade no sector do turismo industrial, 9 das 11 adegas certificadas de España están en Galicia.

A vinculación da enoloxía coa gastronomía, o patrimonio, a cultura e a tradición que rodean ao mundo do viño conseguen que no seu conxunto o feito de probar novos viños e de visitar os territorios nos que se producen se estea a converter nunha tipoloxía de turismo cun gran potencial e un auxe significativo entre os seguidores máis entusiastas da viticultura.

Coas Rutas dos Viños lográronse fusionar todos os recursos e servizos turísticos de interese das zonas vitivinícolas de Galicia nun so produto, contribuíndo deste modo ao impulso neste sector e actuando como motor de desenvolvemento económico e cultural das cinco zonas de produción vitivinícola con Denominación de Orixe.

Arriba