Turismo de Galicia e os concellos do Camiño Francés asinarán un convenio para realizar traballos de limpeza e conservación, atención e información continuada así como actividades culturais na ruta
O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e os concellos galegos do Camiño Francés. O acordo inclúe a realización de tarefas de limpeza e conservación do Camiño, adopción de medidas para evitar o seu deterioro así como a dotación de persoal nos meses de verán para prestar atención e información continuada. Ademais incentivarase a celebración de actuacións musicais nos concellos do Camiño Francés en Galicia. No que vai de ano, a cifra de peregrinos que realizaron o Camiño Francés subiu máis dun 12% a respecto dos rexistrados o ano pasado. Esta ruta é a escollida por máis do 70% dos peregrinos a Santiago.
O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e os concellos galegos do Camiño Francés. O acordo definirá os termos de colaboración entre Turismo de Galicia e os Concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela.
En virtude do acordo, Turismo de Galicia financiará os seguintes traballos para a conservación, preservación, promoción e difusión do Camiño de Santiago e da cultura xacobea:
- Limpeza a e conservación do Camiño Francés ao seu paso polos concellos que atravesa a ruta en Galicia nos que se realizarán traballos de limpeza e roza de maleza e a súa retirada. De igual modo, adoptaranse as medidas de protección e preservación necesarias para evitar o seu deterioro ou destrución.
- Atención e información continuada e específica de todo o Camiño Francés e do fito xacobeo aos peregrinos e peregrinas a través da contratación de persoal para os meses que van dende xuño a setembro así como elaboración de material informativo e dispoñibilidade de información sobre a ruta na rede.
- Organización de actuacións musicais no Camiño de Santiago, de modo que se incentive e promova a distribución do produto musical galego. Estas actuacións serán dun mínimo de trinta minutos, dous días á semana preferentemente os días de maior afluencia de peregrinos, durante o período que abrangue dende o día 1 de xuño ao 30 de setembro e sen cobro de entrada.
Actuacións realizadas en 2013
Turismo de Galicia promoveu xa neste ano a distribución do produto musical galego nos concellos polos que discorre o Camiño Francés e que contan con albergues públicos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de máis de cen prazas. De modo que a través deste acordo, os devanditos municipios contaron con actuacións musicais para amenizar as tardes estivais que se desenvolveron en lugares públicos e que foron de libre acceso.
De igual modo, municipios do Camiño Francés realizaron este ano contratacións específicas de persoal especialmente cualificado sobre a información relacionada co Camiño Francés e coas Rutas Xacobeas, así como co patrimonio asociado ás mesmas e cos diferentes recursos. O obxectivo desta actuación foi que os peregrinos do Camiño Francés, así como os viaxeiros que así o demandaron, puideran obter información puntual, precisa e especializada sobre os diferentes recursos relacionados coa ruta que percorreron e ao tempo, que dispuxeran da posibilidade de obter información sobre os servizos e produtos turísticos do destino Galicia.
Un 12’4% máis de peregrinos no Camiño Francés en 2013
No que vai de ano, chegaron a Santiago de Compostela un total de 215.336 peregrinos, o 50,97% deles son estranxeiros. Por todos os Camiños chegaron un 12,2% máis de peregrinos que no mesmo período de 2012, isto é, 23.441 peregrinos máis.
O Camiño Francés foi a ruta escollida polo 70,30% dos peregrinos que este ano selaron a súa Compostela na Rúa do Vilar de Santiago. En total, 151.309 peregrinos fixeron o Camiño Francés e isto implica unha suba do 12,4% a respecto dos que o fixeron o ano pasado.