08 abr 2014

Cee recibe en maio o primeiro buque de pasaxeiros que chega ao porto de Brens, o cruceiro ‘Le Boréal’ da navieira francesa Compaigne du Ponant

A directora de Turismo de Galicia, o presidente de Portos de Galicia e mais a delegada territorial da Xunta na Coruña, así como a alcaldesa de Cee presentaron hoxe a escala do cruceiro da navieira francesa Compaigne du Ponant que inclúe Cee no seu itinerario.


Nava Castro resaltou as potencialidades da Costa da Morte para ofrecer aos cruceiristas unha oferta diferencial e incidiu no traballo que se está a desenvolver dende o xeodestino para potenciar os seus recursos únicos.


José Juan Durán destacou a apertura dunha nova liña de negocio portuario tras o investimento de 15 millóns de euros realizado pola Xunta de Galicia na ampliación do peirao

Presentación en Cee do primeiro cruceiro que fará escala en Brens.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo e mais a alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, presentaron hoxe na localidade da Costa da Morte a escala do cruceiro Le Boréal no porto de Brens que terá lugar o vindeiro día 7 de maio. No acto estiveron presentes tamén o director da Zona Noroeste de Ferroatlántica, Carlos Oliete, e mais o xerente da consignataria Rubine e Hijos, Luis del Moral.


Procedente de Viana do Castelo e anteriormente de Lisboa e Porto, o barco de 142 metros de eslora, quedará atracado no novo peirao de Brens ás sete da mañá do día 7 de maio. Este buque, de bandeira francesa e 132 camarotes, leva a bordo uns 200 pasaxeiros de distintas nacionalidades aos que se suman 139 tripulantes.
A directora de Turismo de Galicia destacou o singular atractivo da Costa da Morte para a acollida de visitantes interesados na natureza, na gastronomía de calidade e na oferta cultural. Segundo dixo, a Costa da Morte conta con infinidade de recursos susceptibles de se converter en produtos turísticos e que dotan de gran potencialidade a un destino que traballa en prol do seu desenvolvemento turístico.

Nava Castro recalcou que “mostra do seu crecente atractivo son os datos rexistrados polos establecementos hoteleiros da zona nos dous primeiros meses deste ano. Entre xaneiro e febreiro, máis de 4.451 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros da Costa da Morte, un 8,6 % máis que no mesmo período do ano pasado”. De igual modo, o turismo rural rexistrou un incremento na cifra de viaxeiros no que vai de ano do 28,25 % a respecto dos dous primeiros meses do ano pasado. As pernoitas en establecementos hoteleiros medraron un 67,5 % e as pernoitas en turismo rural un 38,6%.

 

Tamén a estadía media medrou por riba do 54 % en hoteleiro e por riba do 8,1 % en rural. As pernoitacións de turistas internacionais na Costa da Morte dobraron os niveis en relación ao ano pasado neste mesmo período, segundo matizou a directora de Turismo de Galicia. Ao tempo, recalcou que a Costa da Morte conta con recursos únicos que se converten en importantes polos de atracción para os viaxeiros que buscan destinos diferenciais. Turismo de Galicia e o xeodestino Costa da Morte están a traballar na creación e posta en valor turística do territorio e na dinamización da zona a nivel turístico e de potenciación dos seus recursos singulares.

Meeting fam trip
Segundo dixo, na aposta da Administración turística pola Costa da Morte organizaranse proximamente dous meeting fam trip relacionados cos deportes náuticos e co turismo activo. Un deles celebrarase entre os días 23 de abril e 2 de maio e contará con 11 participantes entre os que se atoparán corredores top, persoal de marketing da compañía Boards and More e cámaras especialistas en gravacións deste tipo.

 

Entre os días 18 e 21 de maio organizarase un segundo fam trip con 15 participantes relacionados con revistas especializadas, importadores de marcas, dealers, riders nacionales e persoas relacionadas con este sector en webs.

Destino singular
Segundo explicou a directora de Turismo, a importancia dos ecosistemas marítimos, a diversidade da flora e a fauna, os recursos monumentais e etnográficos ou as posibilidades para a práctica dos deportes náuticos ou das actividades de turismo activo, combinado cunha oferta gastronómica de gran calidade e de primeiro nivel –que ademais se pode descubrir a través do produto Turismo Mariñeiro dun xeito novidoso e potenciando a experiencia turística singular- son parte dos incontables atractivos dun territorio que agora se ofrece aos cruceiristas, abrindo as portas a un novo segmento de mercado e a un novo motor de desenvolvemento turístico.

No ano 2013, máis de 333 mil pasaxeiros de cruceiros chegaron a Galicia. Galicia ten 129 portos con actividade pesqueira, comercial e náutico deportiva. En total, 39 portos contan con instalacións deportivas con servizos completos, cun total de 13.349 prazas. O primeiro buque de pasaxeiros que chegará ao porto de Brens será Le Boréal, da naviera francesa Compaigne du Ponant, que abre a posibilidade de implementar novos tráficos para as infraestruturas existentes e pon en valor a riqueza marítima e a tradición mariñeira galega.

Continuidade da actividade cruceirista
Pola súa parte, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mostrou a súa “satisfacción por estar en Brens anunciando que estamos a abrir un novo mercado marítimo na Costa da Morte. Unha nova actividade, a do tráfico de cruceiros, que se une aos outros usos portuarios, especialmente o comercial, que se dan nunha instalación que exemplifica o carácter multifuncional dos portos galegos”. Así mesmo destacou a “apertura de novas vías de explotación económica das infraestruturas portuarias” e lembrou que a apertura deste novo mercado “é froito do esforzo inversor desenvolvido dende a Xunta de Galicia e a Consellería do Medio Rural e do Mar, que investiu 15 millóns de euros na ampliación do porto de Brens porque criamos no seu potencial”. Finalmente, Durán Hermida anunciou que Portos de Galicia está xa a traballar en coordinación co Concello de Cee para dar continuidade a actividade cruceirista neste peirao.

 

Arriba