24 feb 2014

Presentan un selo de correos conmemorativo do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela

O presidente da Xunta e a minsitra de Fomento, na presentación do selo conmemorativo.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou na presentación do selo conmemorativo do VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela que a Xunta está a facer o esforzo que merece  a promoción deste evento, un fenómeno do que dixo que contribuirá a reivindicar as raíces e os valores do proxecto europeo. O mandatario autonómico presidiu, xunto coa ministra de Fomento, Ana Pastor, a presentación do selo de Correos conmemorativo da viaxe do santo de Asís á capital de Galicia, que agradeceu porque vai permitir “outra fermosa peregrinación cultural”.

O presidente autonómico subliñou que a Administración galega está a celebrar o aniversario a través de convenios de colaboración coa Orde Franciscana, coa Organización Mundial de Turismo e a Secretaría de Estado de Turismo, co Concello de Asís e coas empresas patrocinadoras. Así mesmo, referiuse ás exposicións e actos que se estenden por toda España e por países como Italia e Francia.

Na súa intervención, o titular da Xunta salientou que o selo presentado en Santiago “nos vai axudar a lembrar as raíces do que somos”, xa que, segundo dixo, “a forza do europeísmo nace de compartir, desde tempos remotos, eses valores que estaban presentes cando San Francisco se sentiu chamado na nosa catedral”.

O presidente galego resaltou que San Francisco se sentiu en casa en Compostela porque “Galicia tiña a virtude de reproducir a esencia do europeísmo, e a catedral resumía sentimentos que latexaban nos catro puntos cardinais de Europa. A nosa catedral era unha catedral europea e a mensaxe de San Francisco estaba imbuída de europeísmo”.

A ese respecto, Feijóo subliñou que a Unión Europea non é “un proxecto meramente político ou económico, senón, sobre todo, moral”. Considerou necesario lembralo nestes momentos que a Unión Europea “vive momentos nos que se unen a incerteza e a ilusión”. “Os europeos que están perdendo a vida por reivindicar o achegamento á Unión dos seus países, queren compartir eses valores de convivencia, de tolerancia, de solidariedade que foron fomentados por europeos de todos os credos e ideoloxías”, afirmou.

Arriba