A directora de Turismo resalta as potencialidades do turismo cultural en Galicia no VIII Encontro Arqueolóxico do Barbanza
Nava Castro interveu hoxe no acto de apertura deste encontro que se celebrou na Casa da Cultura de Boiro, que contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo. A directora de Turismo incidiu na importancia do patrimonio como elemento diferenciador e como fortaleza para o destino Galicia. Ao tempo que resaltou a contribución do turismo cultural á desestacionalización da oferta turística de Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe na oitava edición do Encontro Arqueolóxico do Barbanza, que contou tamén coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.
Nava Castro resaltou na súa intervención a relevancia dos estudos e investigacións arqueolóxicas para a posta en valor do destino a través da súa evolución histórica. “O feito de pór en valor os restos arqueolóxicos e de potenciar a súa investigación e conservación redunda sempre en beneficio do territorio”, dixo. Segundo engadiu, os encontros como o celebrado esta fin de semana no Barbanza impulsan o descubrimento da nosa propia realidade e a difusión e promoción daqueles recursos patrimoniais que nos fan únicos.
A directora de Turismo explicou que, tal e como se recolle nas liñas estratéxicas do Plan Integral de Turismo de Galicia, a nosa comunidade como destino turístico busca ser recoñecida a nivel nacional e internacional como un destino sostible, diferenciado pola posta en valor dos nosos recursos endóxenos e sostidos por un tecido empresarial innovador e cunha xestión responsable.
O patrimonio cultural como fortaleza do destino Galicia
Nava Castro explicou tamén que, tal e como ser recolle na folla de ruta do turismo galego, o patrimonio figura como unha das fortalezas identificadas no noso destino –en especial os Patrimonios da Humanidade declarados pola UNESCO cos que conta Galicia.
Tamén recalcou que entre os retos de Turismo de Galicia figura o posicionamento de Galicia como marca diferencial; a consolidación como destino multiexperiencial cunha oferta segmentada e desestacionalizadora; Galicia como modelo europeo de turismo sostible; e o afianzamento dun sector turístico competitivo, proactivo, innovador, coordinado e con visión internacional.
A estratexia turística de Galicia pasa por potenciar unha oferta turística baseada no patrimonio e no recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos. Ademais, nese eixo de actuación, “buscamos a consolidación de produtos turísticos coa suficiente capacidade para desestacionalizar a demanda turística do territorio, captar a novos segmentos de mercado, fidelizar aos visitantes que xa teñen algún destes segmentos, incrementar a estadía media e o gasto turístico.
Para iso, incidiu, é fundamental “crear unha rede de turismo urbano, de patrimonio industrial, náutico, turismo cultural e turismo de golf”.
Ao tempo, destacou a potencialidade do turismo cultural e da oferta relacionada coa cultura e a posta en valor dos nosos recursos patrimoniais para mellorar a oferta doutros subsectores e para complementala. A creación de oferta complementaria exerce un efecto dinamizador do destino e potencia outros segmentos e produtos.
De igual modo, a directora de Turismo resaltou o gran patrimonio arqueolóxico da zona e a necesidade de potenciar a súa posta en valor turística e de aproveitalo como elemento diferencial do destino.