Nava Castro resalta as potencialidades do Plan Integral de Turismo de Galicia para a dinamización económica da Comunidade
A directora de Turismo de Galicia incidiu no feito de que o Plan Integral de Turismo está baseado no consenso e incide na cooperación público-privada e interadministrativa. Nava Castro incidiu en que os retos principais do seu departamento pasan polo posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial; a consolidación como destino multiexperiencial con oferta segmentada e desestacionalizadora; a aposta porque Galicia sexa un modelo europeo de turismo sustentable; e o afianzamento dun sector competitivo, proactivo, innovador e coordinado con visión internacional. O Plan Integral de Turismo de Galicia conta con plans específicos calendarizados. Cada unha das liñas estratéxicas que conforman o plan ten un período de desenvolvemento concreto.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, compareceu hoxe no parlamento na comisión 6ª de Enerxía, Industria, Comercio e Turismo onde explicou o Plan Integral de Turismo de Galicia e incidiu na capacidade do sector turístico galego para xerar intanxibles, imaxe e factor de atracción para outros sectores. Ao tempo resaltou a capacidade do Plan Integral de Turismo de Galicia para exercer como dinamizador económico da Comunidade.
Nava Castro incidiu en que o sector turístico constitúe un dos máis activos e con maior capacidade de desenvolvemento nas economías europeas en xeral e en Galicia, en particular. De igual modo, a directora de Turismo explicou que o feito de que Galicia sexa apreciada como unha marca sólida e de prestixio é fundamental para o desenvolvemento. “O sector turístico ten a capacidade de facer esa función demostradora, apoiando así ao conxunto da recuperación económica”, apuntou.
Ao tempo, destacou o papel do sector como factor de reequilibrio territorial, de cohesión social e como instrumento vertebrador do territorio. Así como a necesidade de deseñar estratexias para atraer demanda turística e produtos adaptados a unha demanda esixente e heteroxénea.
Plan de consenso
A directora de Turismo explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia foi realizado contando coa participación de todo o sector, coa participación das administracións e organismos da Xunta de Galicia implicados, así como a través da consulta a operadores e axentes relevantes nacionais e internacionais. Definiu o plan como unha “folla de ruta específica para o sector turístico e coa visión de ser un plan para dinamizar o conxunto da economía de Galicia, contribuíndo á creación de emprego”. “Queremos xerar un efecto dinamizador e unha proxección internacional da nosa comunidade tendo presente a innovación, a competitividade, a diferenciación e a participación como motores de desenvolvemento”, recalcou.
Segundo dixo, o Plan Integral de Turismo de Galicia desenvólvese “cunha visión 2020, aliñado coas estratexias da Unión Europea e establece liñas de acción concretas ata 2016”. Ademais o plan busca a coordinación a longo prazo para dispoñer dunha marca Galicia competitiva; a desestacionalización para garantir actividade turística estable os 365 días do ano, en especial nos anos interxacobeos; a posta en valor dos valores diferenciais e a aposta pola sustentabilidade, a colaboración dos axentes e a promoción agrupada nos mercados internacionais.
Retos para o destino Galicia e liñas estratéxicas do Plan
A directora de Turismo explicou os retos principais do seu departamento para o turismo de Galicia que pasan polo posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial; a consolidación como destino multiexperiencial con oferta segmentada e desestacionalizadora; a aposta porque Galicia sexa un modelo europeo de turismo sostible; e o afianzamento dun sector competitivo, proactivo, innovador e coordinado con visión internacional. De igual modo destacou as fortalezas turísticas da comunidade como o Camiño de Santiago, o Patrimonio, a auga e o termalismo; a enogastronomía e a natureza. Ao tempo, afondou nas liñas estratéxicas do Plan:
- O Camiño como eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.
- A oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos.
- Galicia como destino ambiental, social e economicamente sustentable.
- O fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para a acadar un sector competitivo e un destino intelixente.
- A promoción e comercialización de Galicia como destino único baseado nun modelo a demanda.
- O consenso e a cooperación entre o sector público e privado para un marco eficiente e xerador de oportunidades.
Plans específicos calendarizados
Nava Castro resaltou, así mesmo, que o Plan Integral de Turismo de Galicia conta con plans específicos de actuación calendarizados. Cada unha das liñas estratéxicas que conforman o plan ten un período de desenvolvemento concreto. Así explicou que neste primeiro semestre de 2014 presentouse xa o Plan estratéxico de termalismo e mais estase a traballar na creación da figura de embaixadores e prescriptores; no segundo semestre de 2014 contarase cun Plan director do Camiño de Santiago, no primeiro semestre de 2015 estará dispoñible o Plan director de accesibilidade turística e no segundo semestre de 2015 o Plan de formación específico. De igual modo nese segundo semestre do ano que vén contarase con plans sectoriais de Turismo específicos.