A directora de Turismo de Galicia presentou a oferta termal do destino Galicia e a vindeira edición de Termatalia na feira ITB de Berlín
Nava Castro resaltou o liderado de Galicia en canto a calidade das instalacións e servizos termais así como a gran potencialidade do destino en canto a recursos minero-medicinais e oferta vinculada ao turismo de saúde e wellness.
O mercado alemán supuxo o 11,9% dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega en todo o 2013.
A directora de Turismo de Galicia realizou no marco da feira ITB de Berlín, unha presentación dirixida a profesionais do turismo de saúde e da industria termal, así como touroperadores e prensa europea sobre as potencialidades de Galicia como destino termal e sobre a vindeira celebración da Feira Internacional de Turismo Termal –Termatalia 2014, que terá lugar nas Termas de Río Hondo, na provincia arxentina de Santiago del Estero entre os días 2 e 4 de outubro.
Nava Castro así o salientou na súa presentación na feira na que se presentou a oferta turística de Galicia para o mercado alemán o evento que constitúe un dos mercados turísticos máis importantes do mundo xunto aos certames World Travel Market (WTM) de Londres e a Feira Internacional do Turismo de Madrid (FITUR).
A directora de Turismo de Galicia explicou que a auga forma parte das principais fortalezas de Galicia como destino e que, ademais de ser a terra meta dos Camiños de Santiago –o eixe vertebrador da oferta turística da Comunidade galega- é un destino multiexperiencial, con atributos como os patrimonios da Humanidade, a oferta cultural e natural, enogastronómica e a vinculada ao turismo de saúde e benestar.
Nava Castro afondou nos recursos da comunidade vinculados ao termalismo como as 300 captacións mineromedicinais das que máis dunha vintena son aproveitadas para alimentar igual número de establecementos termais, o que fai que Galicia ocupe a primeira posición en canto a número de balnearios a nivel nacional. Segundo matizou, as 2.862 prazas de aloxamento termal en Galicia son, na súa maioría, de alta gama e as estacións termais achegan clientes a outras dez mil prazas, cun volume de negocio de máis de 60 millóns de euros e a xeración de 1.400 empregos directos.
Do mesmo xeito, a directora de Turismo de Galicia incidiu nas potencialidades do destino vinculadas á auga como recurso turístico como os 1.659 km de costa, as 863 praias e 16 rías así como o feito de contar cun 12% do territorio protexido, cun Parque Nacional, seis Reservas da Biosfera e 59 LIC.
Ao tempo, lembrou que Galicia acaba de presentar o Plan de Termalismo Ourense Provincia Termal, que se insire no Plan Integral de Turismo de Galicia e que afonda na posta en valor deste recurso endóxeno e exclusivo.
En relación coa nova edición de Termatalia, Nava Castro recalcou que se trata dunha feira “que se ten convertido xa nun auténtico referente internacional do turismo de saúde” e no feito de que sexa o noso “máis importante escaparate para un dos nosos recursos turísticos máis singulares e diferenciadores”.
A única feira de turismo termal da península ibérica ten contrastado o seu éxito en Latinoamérica tras a súa celebración hai dous anos en Perú e proxéctase neste en Las Termas de Río Hondo, en Santiago del Estero, en Arxentina para a súa celebración en outubro.
A directora de Turismo de Galicia recalcou que a oferta termal galega estase adaptando a diferentes perfís coa posta en marcha de produtos e servizos específicos así como a través do traballo realizado en relación á lexislación en materia de augas minero-medicinais; en relación á formación a través da Cátedra de Hidroloxía Médica e do Máster en Turismo Interior e de Saúde; en relación á calidade –sendo líderes en distintivos Q de Calidade Turística no sector de balnearios- e tamén en canto ás accións de promoción e de difusión.
Ao tempo, lembrou que no Plan Integral de Turismo de Galicia se incide no termalismo a través das accións incluídas na segunda liña estratéxica do plan, centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos; así como no desenvolvemento de accións como o Club do Produto Turístico da Auga de Galicia ou o desenvolvemento de produtos turísticos emerxentes, incidindo no turismo de saúde e na posta en marcha de programas específicos.
Mercado alemán para Galicia
Os alemáns supuxeron o 11,9% dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega o ano pasado. Os alemáns situáronse no segundo lugar despois dos portugueses canto a ocupación nos establecementos turísticos regrados en Galicia en 2014, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.
Na ITB de Berlín, evento dedicado ao Turismo en xeral, Turismo de Galicia promoverá os valores turísticos galegos de xeito global e o Camiño de Santiago en particular. Ademais, Turismo de Galicia prestará unha especial atención á difusión da celebración do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.