21 feb 2014

A directora de Turismo resalta a potencialidade de Galicia para a práctica do turismo náutico e o liderado da comunidade en canto a estacións náuticas certificadas coa Q de calidade turística

Nava Castro interveu esta mañá na xornada técnica do Comité da Norma UNE da Q de Calidade Turística para as instalacións náutico-deportivas, sector que lidera Galicia con 9 das 16 certificadas co distintivo de calidade. Galicia lidera tamén o número de distintivos nos sectores termal, do turismo industrial, rural, lecer nocturno e turismo activo. Ademais, é a segunda comunidade do Estado con máis certificacións Q, cun total de 249, dúas máis que o ano pasado. O porto de Portonovo é o único do Estado en contar con 4 distincións de calidade: EMAS; ISO 14001, Bandeira Azul e Q de calidade

Nava Castro Domínguez na xornada técnica sobre a certificación Q de Calidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe nunha xornada técnica sobre a certificación Q de Calidade nas instalacións náutico deportivas. O encontro tiña por obxectivo a reunión do Comité da Norma UNE que dá orixe a Q de Calidade para afondar nas especificidades e dar conta dos traballos do comité internacional ‘Tourism Services in Yacht Harbors’.

Nava Castro Domínguez na xornada técnica sobre a certificación Q de Calidade

Así, a directora de Turismo de Galicia afondou na súa intervención no traballo que se está a realizar dende o seu departamento en relación co impulso á certificación, obtención, seguimento e renovación dos distintivos Q de Calidade Turística. E explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia incide na posta en valor das potencialidades do destino e na desestacionalización turística, na que ten grande incidencia o desenvolvemento de alternativas turísticas e de novos produtos asociados aos recursos endóxenos da comunidade.

Segundo explicou, a Xunta de Galicia traballa no fortalecemento da colaboración público-privada para facer da calidade un elemento identificativo do destino Galicia. “Un concepto con gran valor diferenciador para a introdución e promoción nos mercados nacionais e internacionais”, explicou Nava Castro.

E engadiu que a mostra desa cooperación público-privada e do empeño de ambas as partes de permanecer no mercado a través da calidade, conseguimos un exitoso balance no conxunto da oferta de servizos turísticos de Galicia neste pasado ano 2013. Galicia é a comunidade con máis empresas certificadas coa Q de Calidade Turística tras Andalucía. Conta con dúas certificacións máis que no balance de 2012 e, en total, 249 empresas galegas contan co distintivo.

Segundo recalcou a directora, Galicia é líder en diferentes sectores estratéxicos para o destino en número de distintivos, como son o sector termal, o turismo industrial, o turismo rural, o lecer nocturno e o turismo activo, así como en instalacións náutico-deportivas. Segundo aclarou, nove das 16 instalacións certificadas do Estado están en Galicia. De igual modo, o Porto de Portonovo é o único do Estado que conta con catro distintivos de calidade: EMAS, ISO 14001, Bandeira Azul e Q de Calidade.

Galicia é a comunidade cunha maior oferta certificada no cómputo global das empresas aloxamento turístico con Q de Calidade. Segundo apuntou a directora de Turismo, entre as fortalezas do destino Galicia figura a diversificación e a calidade dos produtos turísticos cos que contamos. Ao tempo, incidiu en que o Plan Integral de Turismo recolle a implantación de sistemas de xestión da calidade para aumentar o grao de competitividade do sector.

Ao tempo, recalcou que o impulso ao turismo náutico está presente na liña estratéxica dirixida a incentivar a oferta turística baseada no patrimonio e os recursos endóxenos; así como no Club de Produto Turístico da Auga de Galicia, no que o turismo náutico e as actividades complementarias que se poden articular en torno a el se volven fundamental para aproveitar dun xeito sostible e respectuoso as potencialidades do destino.

No marco das accións de promoción e difusión, a directora de Turismo falou da colaboración con Asnauga para a instalación de tótems informativos nos portos que informan dos recursos turísticos asociados á práctica da náutica, así como sobre as instalacións portuarias e lugares de interese.

Tamén lembrou que, en colaboración con Asnauga, se vai organizar unha Travesía Náutica Xacobea, no marco das actividades do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, que consistirá nunha travesía entre Italia e Galicia que recalará nos portos galegos distinguidos con Q de Calidade Turística.

Arriba
Axúdanos a mellorar!