14 feb 2014

A directora de Turismo resalta a potencialidade da investigación e o estudo sobre as rutas xacobeas como elemento fundamental para a súa conservación e difusión

Nava Castro Domínguez destacou a aposta de Turismo de Galicia polo Camiño de Santiago como un dos eixes vertebradores da oferta turística galega e como modelo demostrador internacional na presentación do libro ‘Xacobeo. De un recurso a un evento turístico global’. A publicación está editada polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Grupo de Investigación Métodos Cuantitativos e Xestión de Empresas da USC, José Carlos de Miguel, e polos doutores Simone Novelllo, Fidel Martínez e Pilar Murias

Nava Castro Domínguez no acto de presentación da publicación Xacobeo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe no acto de presentación da publicación Xacobeo. De un recurso a un evento turístico global. O acto contou coa presenza do vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e dos profesores José Carlos de Miguel e Simone Novello.

Nava Castro Domínguez no acto de presentación da publicación Xacobeo

Os editores da obra son o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do Grupo de Investigación Métodos Cuantitativos e Xestión de Empresas da USC, José Carlos de Miguel, e os doutores Simone Novelllo, Fidel Martínez e Pilar Murias. E comprende textos de José Carlos de Miguel, Daniel García Blanco, Antonio Segundo Vázquez Portomeñe, Luis Celeiro Álvarez, Mª Magdalena Rodríguez, Xosé Manuel Villanueva, Pilar Murias Fernández, Fidel Martínez, Ewa Pawlowska e Simone Novello.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, resaltou que a investigación científica é fundamental para a divulgación e difusión da cultura xacobea. E engadiu que “o esforzo de miles de investigadores que ao longo da historia deixaron a súa pegada na produción científica e divulgativa sobre a Ruta Xacobea exerceu un papel fundamental na súa conservación e no feito de que sexa considerado como o Camiño que fixo Europa”.

Segundo puntualizou Castro, nos dous volumes de Bibliografía Xacobea editados pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo recóllense máis de 3.100 rexistros de publicacións editadas entre os anos 1994 e 2001, así como máis de 3.600 rexistros de publicacións editadas ata 1993. “A investigación conforma os verdadeiros alicerces sobre os que se sostén o culto e a cultura xacobeos”, explicou.

A directora de Turismo explicou, no tocante á obra presentada, que “a través deste exhaustivo traballo podemos coñecer as orixes da peregrinación como fenómeno universal, incluso as da palabra peregrino a través das diferentes culturas”. E comentou tamén que afondar no coñecemento das tres grandes peregrinacións clásicas –Santiago, Roma e Xerusalén- así como aproximarse ás motivacións dos peregrinos de hoxe e á visión actual e contemporánea da Ruta Xacobea é posible a través das páxinas deste libro.

Nava Castro comentou tamén que “a través deste repaso histórico é posible comprender o feito de que a Ruta Xacobea se teña convertido no noso elemento turístico máis diferencial, no noso elemento desestacionalizador máis potente e no máis importante elemento de internacionalización do destino Galicia”.

O Camiño no Plan Integral de Turismo
Tamén aclarou que así se contempla no Plan Integral de Turismo de Galicia, un traballo consensuado, que deu lugar á estratexia á seguir no eido turístico durante os vindeiros anos e que inclúe na primeira das súas seis liñas estratéxicas ao Camiño de Santiago como eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.

Entre as accións que se contemplan dentro deste eixo de actuación figura o desenvolvemento dun Plan Director do Camiño de Santiago, a posta en marcha do Smart Camiño –unha visión da ruta adaptada aos novos tempos e que inclúe a mellora da accesibilidade, a plataforma dixital do Camiño ou a realidade aumentada e a xeorreferenciación entre as súas actuacións concretas-; así como o posicionamento do Camiño como referente de sustentabilidade. O incremento do valor engadido e da rendibilidade da Ruta así como o establecemento de canles de captación directa de peregrinos internacionais forman parte tamén dos obxectivos incluídos no plan.

Segundo explicou a directora de Turismo, “a nosa oferta turística ten que estar baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos e diferenciais”. “Cómpre que fomentemos o talento e a investigación, que aproveitemos as novas tecnoloxías para situarnos no mercado turístico global e que nos promocionemos como un destino único con ofertas para todo tipo de segmentos de público e para calquera época do ano”, dixo. E incidiu tamén na necesidade de que a política turística estea caracterizada polo consenso e pola colaboración interadministrativa e público-privada

Arriba