05 feb 2014

A primeira xornada de Xantar acolleu un acto de recoñecemento aos restaurantes galegos con Soles Repsol e estrelas Michelin

O evento contou coa intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais co delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez. -A directora de Turismo incidiu na importancia da gastronomía como factor desestacionalizador e de internacionalización do destino Galicia polo seu gran atractivo para os visitantes e por constituír unha mostra da calidade dos produtos e dos servizos galegos. -O evento incluíu tamén unha homenaxe a Antonio Tabarés, membro do Comité Asesor de Xantar e vicepresidente da Academia Galega de Gastronomía.

O recinto feiral de Expourense acolleu hoxe a xornada inaugural da XV edición do Salón Internacional de Gastronomía e Turismo-Xantar. No marco deste evento que este ano conta con Cuba como país convidado e no que participan 18 restaurantes con máis de 30 menús e conta con 120 actividades para poñer en valor os produtos autóctonos de calidade, celebrouse un acto de recoñecemento aos restaurantes de Galicia distinguidos con Estrelas Michelin e Soles Repsol.

O acto contou coa presenza e a intervención da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez. A directora de Turismo incidiu na importancia da distinción que este ano estrea Xantar, ao ser integrada no calendario oficial de feiras comerciais internacionais de 2014. Segundo dixo, este éxito é froito da cooperación interadministrativa e intersectorial e converteu a xantar no mellor escaparate da oferta gastronómica da comunidade.

Galicia conta con 24 restaurantes distinguidos con Soles Repsol que atesouran un total de 29 ‘soles’. De igual modo, hai once establecementos de restauración galegos que contan cunha Estrela Michelin. A este respecto, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez comentou que a gastronomía é “un dos nosos principais atractivos turísticos, a nosa materia prima conxugada co traballo dos profesionais da cociña galega converten a nosa boa mesa e os afamados viños nun elemento identificativo do destino a nivel internacional”. Ao tempo, resaltou a capacidade de desestacionalización da enogastronomía e o seu potencial como oferta complementaria doutros produtos turísticos.

A respecto do recoñecemento aos restaurantes con Estrela Michelin comentou que a calidade da materia prima, a creatividade, os sabores e o esmero nos pratos son algunhas das características avaliables para a consecución da distinción e todas elas teñen sido valoradas favorablemente en once establecementos galegos. De igual modo, comentou que a Real Academia Española de la Gastronomía e a Cofradía de la Buena Mesa asesoran cada ano á Guía Repsol para a concesión das súas distincións e que os 24 restaurantes e os 29 Soles Repsol de Galicia son todo un “orgullo para a cociña galega e o exemplo de que a profesionalidade sempre ten recompensa”.

O acto de recoñecemento contou tamén cunha homenaxe a Antonio Tabares, quen foi xerente do INORDE e tamén do Parque Tecnolóxico de Galicia e presidente da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España, ao tempo que foi membro do Comité Asesor de Xantar e vicepresidente da Academia Galega de Gastronomía. Sobre el, a directora de Turismo de Galicia, resaltou a súa contribución ao feito de que Galicia sexa hoxe un destino orgulloso da súa cociña e dos seus caldos.

Arriba