A directora de Turismo de Galicia exalta o papel fundamental da divulgación científica e da investigación para a conservación do legado Xacobeo
Nava Castro participou no acto de entrega do I Premio Aymeric Picaud de xornalismo divulgativo do Camiño de Santiago que foi concedido á directora da Revista Peregrina, Carmen Pugliese. - O acto contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo quen animou aos profesionais dos medios a continuar traballando na divulgación do Camiño. - O premio foi creado pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago e recoñece a labor divulgativa, a traxectoria, o estudo e a difusión da Ruta Xacobea
O Hostal dos Reis Católicos acolleu hoxe o acto de entrega do I Premio Aymeric Picaud de xornalismo divulgativo do Camiño de Santiago. O galardón foi concedido á directora da Revista Peregrina, Carmen Pugliese pola súa traxectoria dedicada ao estudo, á defensa e á difusión da cultura xacobea.
A entrega do premio promovido pla Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, así como do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. De igual xeito estiveron presentes a presidenta da Federación de Asociaciones de Periodistas de España, Elsa González; o presidente da Asociación de Periodistas de Santiago, Luís Menéndez e mais o fundador de la Asociación Gallega de Amigos del Camino de Santiago, José Antonio de la Riera, entre outras autoridades.
Miles de rexistros bibliográficos e artigos de investigación
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia da investigación científica así como da divulgación e difusión da cultura xacobea. Tamén incidiu no esforzo de miles de investigadores que a longo da historia deixaron a súa pegada na produción científica e divulgativa sobre a Ruta Xacobea. Segundo dixo, nos dous volumes de Bibliografía Jacobea editados por la S.A. de Xestión do Plan Xacobeo recóllense máis de 3.100 rexistros de publicacións editadas entre os anos 1.994 e 2001 e máis de 3.600 rexistros de publicacións editadas ata 1.993. “Son miles de vidas dedicadas ao Camiño e dende esa data a literatura e a divulgación científica non deixou de xerar miles de estudos e artigos”, afirmou.
Segundo apuntou tamén a directora de Turismo, no ano 2013, máis de 215 mil peregrinos selaron a súa Compostela na Oficina do Peregrino. “Ese é o río de camiñantes que mantén vivo o Camiño que fixo Europa”, dixo. E engadiu que dende 1993, ano da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade, ata hoxe, máis de dous millóns de peregrinos percorreron os Camiños de Santiago.
De igual modo, destacou o papel das Asociacións de Amigos do Camiño na conservación e divulgación da Ruta e lembrou que este ano Galicia acollerá o I Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, no marco da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Sobre este evento, a directora de Turismo resaltou que supón unha oportunidade magnífica para descubrir o legado xacobeo e mais o legado franciscano dende outra óptica e que suporá situar a Galicia no epicentro do turismo cultural.
A directora de Turismo fixo fincapé na labor de Carmen Pugliese, galardoada co premio Aymeric Picaud e indicou que “é sobre os alicerces da investigación e do traballo científico sobre os que se ergue a verdadeira cultura xacobea”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “hoxe vivimos na idade de ouro das peregrinacións do Camiño Santiago, espléndidos tempos nos que o esforzo por reconstruír e conservar o seu patrimonio artístico, monumental e paisaxístico está no obxectivo da nosa xestión”. Asemade, o secretario xeral felicitou aos organizadores deste premio e animou a todos os xornalistas a “continuar traballando na investigación e divulgación da Ruta Xacobea”.