A directora de Turismo de Galicia subliña as potencialidades das festas de exaltación gastronómica como reclamo turístico na XXXI edición da Festa da Filloa de Lestedo
Nava Castro, acompañada da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, foi investida co ‘Mandil de Honra’ da Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2008.
Turismo de Galicia deseñou un programa para o desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico. Nel inclúense accións como a promoción das festas de exaltación. No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro
O Campo da Festa de Lestedo, en Boqueixón acolleu hoxe a trixésimo primeira edición da súa Festa da Filloa, un evento de exaltación gastronómica que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2008.
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, asistiron á festa na que a esta última lle foi imposto o ‘Mandil de Honra’. Na súa internvención destacou que se trata dunha das celebracións máis singulares da comunidade para exaltar un dos produtos máis auténticos e característicos dos Entroidos galegos. No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.
A directora de Turismo resaltou tamén que esta é unha das primeiras exaltacións gastronómicas da filloa e conta dende 2008 coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia en recoñecemento a esta tradición, á singularidade de que se fagan cunha filloeira artesanal e “ao feito de que todo o pobo participe desta celebración que exalta o mellor que temos os galegos, a hospitalidade e a gastronomía”. Ao tempo, Nava Castro incidiu en que dende Turismo de Galicia “somos conscientes de que o Camiño de Santiago, o noso patrimonio natural e cultural e mais a enogastronomía son os valores diferenciais que fan de Galicia un destino único”.
A directora de Turismo comentou que unha das liñas estratéxicas do Plan Integral de Turismo pasa por potenciar a oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos. “A enogastronomía forma parte deses recursos que atesouramos e que nos distinguen pola calidade e autenticidade”, engadiu.
De igual modo, explicou que Turismo de Galicia deseñou un programa para o desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico. E engadiu que nel inclúense accións como a promoción das festas de exaltación. A estratexia de promoción das festas de interese turístico pasa, segundo explicou a directora, pola planificación, organización e difusión das festas de interese turístico nacional, internacional e galegas para acadar a máxima repercusión das mesmas nos territorios.