02 mai 2014

Nava Castro resalta a capacidade do turismo cultural e relixioso como factor atractivo do destino Galicia e a singularidade do Camiño de Santiago como eixo vertebrador da oferta turística

A directora de Turismo de Galicia abordou nun relatorio os elementos relixiosos do turismo, no marco do II Congreso Internacional de Acollida Cristiá e Nova Evanxelización que se celebra en Santiago.


Nava Castro destacou a capacidade da Ruta Xacobea para exercer como elemento turístico diferencial e como elemento de cohesión das manifestacións culturais ao longo da historia.


A directora de Turismo incidiu tamén no plan de mellora da atención ao peregrino que inclúe iniciativas como a colaboración na apertura das igrexas do Camiño.

Intervención de Nava Castro no Congreso.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interveu no II Congreso Internacional de Acollida Cristiá e Nova Evanxelización no Camiño de Santiago, organizado pola Oficina de Acollida ao Peregrino da Catedral de Santiago.

Nava Castro participou no encontro cun relatorio centrado nos elementos relixiosos do turismo, no que resaltou a incidencia do Camiño de Santiago como elemento relixioso de gran influencia no desenvolvemento turístico e cultural da comunidade.

A directora de Turismo enumerou as diferentes figuras de protección e recoñecementos internacionais da Ruta Xacobea e incidiu na súa potencialidade como eixo vertebrador da oferta turística da comunidade galega. Así como a súa achega como elemento diferencial dende o punto de vista de que a Comunidade é a meta do Camiño de Santiago.

Mellora da atención ao peregrino
No seu relatorio, Nava Castro tamén enumerou iniciativas relacionadas co plan de mellora da atención ao peregrino, no que se inclúen actuacións como a colaboración para a apertura das igrexas no Camiño, a colaboración para que as oficinas de turismo da ruta conten con persoal especializado na mesma para a atención aos usuarios ou o fomento do voluntariado no Camiño.

De igual modo, Nava Castro incidiu no feito de que este ano se conmemora o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e realizou un repaso polos diferentes actos que compoñen a programación organizada con motivo da efeméride.

Segundo explicou, Santiago de Compostela será en setembro a sede do I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, un encontro auspiciado pola Organización Mundial do Turismo e que reunirá na capital galega a representantes e expertos nos fenómenos de peregrinación mundial actual.

Ao tempo, destacou a celebración do Primeiro Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que se celebrará tamén en Compostela en maio de 2015 e que supón un recoñecemento á importante labor de difusión e promoción da Ruta Xacobea en todo o mundo realizada polas máis de 200 organizacións existentes.

Eventos como a primeira Travesía Náutica Xacobea, que rememorará a Traslatio do Corpo do Apóstolo Santiago a Galicia por Mar e difundirá internacionalmente a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, ou como a Volta Ciclista 2014 que terá como meta Galicia, complementan os actos conmemorativos que tamén inclúen exposicións de gran relevancia centradas na figura de San Francisco de Asís e no legado xacobeo como a que xa se pode visitar no Museo das Peregrinacións baixo o título Il Camino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry ou como a mostra Auga Doce, que permanece aberta na Cidade da Cultura de Galicia. Outros proxectos expositivos como On the Road ou Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago que poderán visitarse en Compostela nos vindeiros meses son tamén parte desta conmemoración que incrementa a oferta cultural da comunidade galega para este ano.

Arriba