Nava Castro resaltou que as Rutas dos viños de Galicia conforman "un referente en canto á enogastronomía de calidade"
Rosa Quintana explicou que o que buscan estas rutas dos viños é que “os consumidores actuais e potenciais poidan visitar e coñecer de primeira man as adegas, as uvas, a súa elaboración e como se segue o proceso ata chegar ás nosas mesas”.
As III Xornadas de portas abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, que foron presentadas pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, terán lugar as fins de semana do 31 de maio e 1 de xuño nas Rías Baixas e no Ribeiro, e os días 7 e 8 de xuño en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. Nestas xornadas poderán facerse visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes na promoción.
Nava Castro explicou que Turismo de Galicia -a través da segunda liña estratéxica do Plan Integral de Turismo- traballa no fortalecemento e dinamización das adegas e viticultores das Rutas do Viño de Galicia. Así, dixo, "na estratexia de centrar a nosa oferta turística no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos, traballamos para activar e dinamizar turisticamente os nosos territorios vinícolas e para que o enoturismo se converta nun dos nosos principais reclamos como destino, xunto cunha das mellores gastronomías do mundo".
Nava Castro resaltou que as Rutas do Viño de Galicia conforman "un referente en canto á enogastronomía de calidade". Segundo explicou, "a produción de viño en Galicia está avalada polas Denominacións de Orixe e isto supón un importante elemento de competitividade no espazo turístico".
Rutas
En cada ruta haberá ademais un programa especial de actividades para a fin de semana: catas comentadas, visitas a museos do viño, rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar, manifestou durante a presentación que Galicia produce máis de 44.000 toneladas de uva ao ano, o que supón máis 360.000 hectolitros de viño cualificado e un valor económico que supera os 150 millóns de euros.
Segundo sinalou a conselleira, estes datos (os últimos dispoñibles e relativos ao ano 2012) “son a demostración palpable do compromiso dos produtores, dos colleiteiros e dos adegueiros coa mellora constante na elaboración, comercialización e promoción destes caldos”.
Rosa Quintana explicou que o que buscan estas rutas dos viños é que “os consumidores actuais e potenciais poidan visitar e coñecer de primeira man as adegas, as uvas, a súa elaboración e como se segue o proceso ata chegar ás nosas mesas”. Neste sentido, sinalou que esta iniciativa potenciará a internacionalización dos nosos caldos e axudará a dar unha maior publicidade á nosa terra e aos nosos viños, facendo que a cifra de exportacións medre aínda máis que o 30% que medrou nos últimos anos.