06 xuñ 2014

Festa da ameixa de Carril, Festa da lagosta e da cociña mariñeira e O Oenach Atlántico, novas festas de interese turístico de Galicia

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 101 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.
 

O Consello da Xunta aprobou a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Carril, en Vilagarcía de Arousa, para a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira da Guarda, e o Oenach Atlántico de Narón, que cumpren os requisitos definidos no Decreto 39/2001, regulador da Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia.

A Festa da Lagosta celébrase de modo ininterrompido dende o ano 1991 e dende o ano 2000 incluíu tamén unha mostra da gastronomía local con novos mariscos e moluscos polo que pasou a denominarse Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira da Guarda. Entotal celebráronse 23 edicións desta cita que ten lugar na primeira fin de semana dexullo, data fixada dende 2005.

A gastronomía guardesa goza de recoñecida fama grazas á extraordinaria calidade dos seus produtos e, en especial, da lagosta; unha especie migratoria que vive nos fondos rochosos da costa Atlántica. No século XIX foron construídas na Guarda varias cetáreas ás que só se podía acceder con marea baixa co fin de conservar crustáceos vivos, sobre todo lagostas, lubrigantes, bois de mar, nécoras, centolas e ata camaróns.

A festa conta cun carácter popular e participativo e dinamízase cunha feira de artesanía con artesáns galegos. A Guarda é Municipio de Interese Turístico dende 2001 e conta con recursos únicos como Santa Tegra, os Museos do Mar e o Museo Arqueolóxico do Monte de Santa Tegra, así como unha gran riqueza arqueolóxica e paisaxística.

As actividades fundamentais son a degustación, as actuacións musicais e teatrais e as visitas guiadas pola Ruta das Cetáreas recentemente creada. A Guarda conta tamén coa Festa do Monte con declaración de Festa de Interese Turístico dende 2009.

A Festa da Ameixa de Carril
A Festa da Ameixa de Carril naceu en 1992 na parroquia do mesmo nome para a promoción do turismo gastronómico da zona mediante a exaltación deste produto.

Celébrase nunha fin de semana da segunda quincena de agosto, coincidindo coas Festas de San Roque, patronais de Vilagarcía de Arousa.

A actividade marisqueira en Carril conta cunha tradición de 500 anos e conta coa característica distintiva da zona era non limitarse a recoller o que daba a ría, senón acultivala para buscar o engorda.

A festa ten un carácter popular e os veciños participan activamente na celebración. Organízanse actos nos que participan as dúas organizacións representativas do sector, a Confraría de Pescadores e a Agrupación de Parquistas de Carril que desenvolven unha importante labor, cociñando e servindo as racións e montando as infraestruturas e atendendo aos visitantes.

Na última edición desta festa rexistráronse máis de 8.000 persoas entre as que se repartiron máis de 2.000 quilos de ameixas en 6.000 racións. A festa conta tamén cun Concurso da ameixa cociñada e degustación desta, no que se exploran novidosas receitas. Tamén se celebra o nomeamento da Dama e do Cabaleiro da Orde da Ameixa e o concurso no que se entregan as Ameixas de Ouro, de Prata e os galardóns aoparqusita máis novo e ao parquista de honra.
O Consello da Xunta tamén aprobou hoxe a declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia para o Oenach Atlántico de Narón.

Con estas declaracións, a comunidade conta xa con 101 festas de Interese Turístico de Galicia, 13 festas de Interese Turístico Nacional e 6 festas de Interese Turístico Internacional.

Arriba