09 xuñ 2014

A directora de Turismo de Galicia resalta a potencialidade do Camiño como nexo de unión entre os pobos de Europa no seminario do proxecto europeo Loci Iacobi 2

Nava Castro Domínguez pechou hoxe o encontro no que participaron expertos e investigadores das Rutas Xacobeas e que versou sobre hospitalidade, asociacionismo e espiritualidade nas Rutas Xacobeas.

O proxecto europeo Loci Iacobi 2 ten dimensión transnacional e inclúe como socios a Galicia –a través de Turismo de Galicia-, Namur, Le Puy-en-Vélay, Asís e Vila Pouca de Aguiar que teñen por obxectivo consolidar o Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo por medio do intercambio de experiencias de investigación, promoción e dinamización turística e cultural.

Nava Castro, no peche do seminario sobre o Camiño en Santiago.

Representantes dos membros integrados no proxecto europeo Loci Iacobi 2 participaron hoxe nun seminario no Museo das Peregrinacións de Santiago centrado na hospitalidade, o asociacionismo e a espiritualidade nas Rutas Xacobeas.

Nos diferentes relatorios que foron clausurados pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interviñeron o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, o catedrático de Historia Medieval e Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando López Alsina, o técnico do Xacobeo, Manuel Rodríguez Fernández, o presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores Rosal, e mais o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez López.

No marco do seminario deste proxecto europeo, que ten dimensión transnacional e que conta como socios do mesmo con Galicia, Namur, Le Puy-en Vélay, Asís e Vila Pouca de Aguiar, a directora de Turismo de Galicia resaltou que o obxectivo do proxecto Loci Iacobi 2 é a consolidación do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo a través do intercambio de experiencias de investigación, promoción e dinamización turística e cultural.

Así mesmo, Nava Castro explicou que no marco deste proxecto se traballa na posta en marcha dunha marca europea única que identifique todas as vías europeas do Camiño de Santiago e todos os seus servizos e equipamentos turísticos, así como na posta en marcha de accións de comercialización como produto turístico temático competitivo do Camiño.

Segundo dixo, perséguese tamén a implicación do sector privado e das pemes no desenvolvemento de proxectos sustentables no Camiño de Santiago e na dotación e establecemento de criterios de calidade nos servizos e recursos da ruta. O intercambio de boas prácticas e o desenvolvemento de novas tecnoloxías asociadas á promoción e comercialización da ruta e dos recursos e produtos asociados a ela forman parte das actividades do Loci Iacobi 2.

O Camiño de Santiago como elemento diferencial
A directora de Turismo lembrou que este ano se celebra a conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e incidiu no feito de que se desenvolvan proxectos que aglutinen esforzos para a consolidación do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural de Europa. “Este ten sido un elemento definitivo para a consideración e recoñecemento oficial internacional da Ruta Xacobea como nexo de unión entre os pobos de Europa e como elemento de difusión do saber ao longo dos séculos”, explicou a directora.

“Proxectos como este no que Galicia, Namur, Le Puy-en-Vélay, Asís e Vila Pouca de Aguiar camiñamos da man, repercutirán na posta en marcha de acciones comúns que manterán vivo o espírito de concordia e de construción da Europa actual que caracteriza á ruta máis universal”, engadiu.

Nava Castro explicou tamén que o Camiño para Galicia é o elemento máis diferencial do destino e o seu potencial desestacionalizador e a súa relevancia como elemento de internacionalización dos destinos converteuno xa no eixo fundamental das políticas turísticas dos territorios que atravesa.

Segundo apuntou, Galicia recolle no seu Plan Integral de Turismo que a Ruta Xacobea configure o eixo fundamental da primeira liña estratéxica. O Camiño de Santiago é o eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.

O asociacionismo, a hospitalidade e a espiritualidade son os elementos analizados no seminario Loci Iacobi 2 para afondar no coñecemento e na transmisión de experiencias no ámbito abarcado polo proxecto.

Arriba