A directora de Turismo de Galicia inaugura hoxe o Seminario dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa
O ‘Summer Seminar 2014 dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa’ celébrase en Compostela entre os días 12 e 16 de xuño, no marco dos actos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
No acto inaugural interveu tamén o presidente do Intergrupo Parlamentario Camiños de Santiago, Francisco Millán Mon.
Representantes de Itinerarios Culturais Europeos e doutros itinerarios culturais que están en fase de acreditación por parte do Consello de Europa, así como representantes do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais participan nestas xornadas de traballo que incluirán visitas a diferentes recursos da Comunidade así como un percorrido pola Ruta Xacobea.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez foi a encargada de abrir hoxe o seminario que se celebra en Santiago de Compostela baixo o título Summer Seminar 2014 The Council of Europe Cultural Routes e no que participan representantes de itinerarios culturais de Europa así como do Consello de Europa e mais do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais. No acto inaugural interviñeron tamén o presidente do Intergrupo Parlamentario Camiños de Santiago, Francisco Millán Mon e mais a directora do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Penelope Denu.
Nestas xornadas de traballo participan representantes de diversos itinerarios que, como o Camiño de Santiago, contan coa declaración de Itinerario Cultural Europeo, así como representantes de itinerarios culturais que están a traballar para conseguir o citado recoñecemento a nivel europeo.
No acto de apertura do encontro, que se celebra no marco da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, a directora de Turismo de Galicia explicou a relevancia dos itinerarios, nomeadamente do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, no proceso de construción de Europa.
Ao tempo, resaltou a importancia que supuxo o recoñecemento como Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987 para o Camiño de Santiago a nivel de proxección internacional e de difusión da idea de que a Ruta Xacobea ten funcionado como elemento de cohesión e intercambio cultural no vello continente. Lembrou tamén que o Camiño de Santiago ten dado orixe á primeira gran rede asistencial de Europa así como o seu papel como verdadeira panca para o desenvolvemento e a evolución da civilización europea.
O Camiño de Santiago como eixo vertebrador da oferta turística galega
Nava Castro incidiu tamén na hospitalidade do Camiño como elemento diferencial da oferta turística de Galicia e como gran atractivo para os visitantes á Comunidade, así como na relevancia de establecer mecanismos de conservación, de posta en valor turística e patrimonial, así como de difusión do valor e da importancia dos itinerarios culturais europeos como herdanza dos pobos e verdadeiros elementos diferenciais dos territorios que atravesan.
De igual modo, a directora de Turismo de Galicia resaltou o feito de que os peregrinos teñen sido “os mellores prescriptores de opinión do noso destino” así como o papel fundamental das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago dado que “funcionan como verdadeiros embaixadores do Camiño de Santiago en todo o mundo e son xa máis de 200 verdadeiros altofalantes da Ruta Xacobea en todo o planeta”. A directora de Turismo lembrou a celebración en maio de 2015 en Santiago do Primeiro Encontro de Asociacións de Amigos do Camiño así como do Primeiro Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, no marco dos actos conmemorativos do VIII centenario.
Nava Castro falou tamén do Camiño de Santiago como eixo vertebrador da oferta turística de Galicia e como a porta de entrada aos produtos e recursos que converten ao destino Galicia nun destino diferencial e único, ao tempo que destacou a capacidade de internacionalización do destino Galicia a través da Ruta Xacobea.
Ademais das sesións de traballo, os asistentes a este encontro terán ocasión de visitar algúns dos principais recursos turísticos da Comunidade galega, como a Ribeira Sacra, así como de percorrer un tramo do Camiño de Santiago.