16 xuñ 2014

A Xunta pon en marcha trens turísticos que percorrerán a Ribeira Sacra e A Mariña ao longo de todo o verán

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, presentou a programación de ‘Galicia a todo tren’ na provincia acompañada por Óscar Sáinz, responsable de produtos turísticos de Renfe.

O tren da Ruta dos Faros iniciao programa anual deste proxecto pioneiro posto en marcha por Turismo de Galicia o pasado verán cunha gran acollida, polo que se amplía este curso incorporando viaxes polas denominacións de orixe vinícolas.

Presentación do Tren turístico da ruta dos faros.

O Tren Ruta dos Faros, que realiza o percorrido entre Ferrol e Ribadeo, foi o primeiro que se puxo en marcha o 14 de xuño, dando así inicio á segunda edición de Galicia a todo tren, un programa que desenvolve a Xunta de Galicia en colaboración con Renfe.

Así o explicou  a delegada territorial, Raquel Arias, na presentación da programación na provincia, que introduce como principal novidade a incorporación da ruta pola Ribeira Sacra. Arias destacou a extraordinaria acollida que tivo este proxecto o ano pasado, cando se implantou como experiencia pioneira, razón pola que se amplía esta edición con cinco rutas máis, correspondentes ás denominacións de orixe vinícolas galegas.

O ano pasado puxéronse en funcionamento dúas rutas con 30 trens que realizaron itinerarios de media xornada e xornada completa. O balance final constatou o acerto deste proxecto porque máis de 600 viaxeiros percorreron os itinerarios acadando unha ocupación media do 72,5%. De feito, apuntou a delegada, foi preciso incrementar as datas que tiña inicialmente previstas o tren da Mariña para dar cabida ás demandas.

Este ano, a Ruta dos Faros parte con 20 viaxes programados, todas as fins de semana dende mañá mesmo e ata mediados de setembro. En concreto, realizará o traxecto Ferrol-Ribadeo todos os sábados entre o 14 de xuño e o 13 de setembro, e o inverso entre Ribadeo e Ferrol todos os domingos entre o 20 de xullo e o 24 de agosto.

Ofrécense visitas a distintos cabos e faros así como ao santuario de San Andrés de Teixido ou a praia das Catedrais,entre outros puntos de interese, para o cal se realizan pequenos tramos en autobús.

Polo que respecta ao Tren dos Viños da Ribeira Sacra, programáronse sete viaxes entre os días 5 de xullo e 27 de setembro. A ruta sairá da estación de ferrocarril de Ourense para dirixirse cara a Canabal, xa na provincia de Lugo, e inclúe visitas a unha adega e ao Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos así como un paseo en catamarán.

A delegada agradeceu a “intensa colaboración de Renfe” e puxo aos trens turísticos como exemplos de colaboración “para ofrecer un produto innovador e de calidade grazas á creación de sinerxías que combinan o aproveitamento turístico do territorio e a preservación do medio ambiente”.

Este ano haberá en total sete rutas en Galicia, con variadas temáticas: a Ruta dos faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e mais os cinco Trens Turísticos do Viño, que transcorrerán polos diferentes territorios das Denominacións de Orixe de Galicia –Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras-. En todas elas os viaxeiros estarán acompañados por guías especializados.

Ao tempo, como novidade, inclúense nesta tempada os packs de fin de semana, nos que se combinan as rutas en tren coa pernoctación dunha noite nun hotel de Galicia, así como paquetes combinados de fin de semana dende outras cidades de España.

A estas rutas turísticas temáticas cómpre engadir a posibilidade de descubrir Galicia co Galicia Rail Pass, o Train and Breakfast Camiño de Santiago, o luxoso Al Andalus Camiño de Santiago e mais o Transcantábrico. As rutas estarán en funcionamento dende mediados de xullo ata finais de setembro.

A información sobre os trens turísticos pode consultarse na web de Turismo de Galicia e mais na páxina de Renfe, a través das que se poden xestionar as reservas.

Arriba