19 xuñ 2014

A Primeira Travesía Náutica Xacobea presentouse en Avilés, un dos portos dos que partirá a ruta norte a comezos de xullo

Esta iniciativa pioneira rememora a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e a Traslatio do Apóstolo a Compostela e enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Avilés será un dos puntos de partida da ruta norte para arribar o 6 de xullo a Ribadeo, desde onde percorrerá 210 millas náuticas. Esta segunda ruta contará coa participación de 35 barcos e dúas goletas con 150 persoas a bordo.

O xerente da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael S. Bargiela, na presentación en Avilés.

A comezos de xullo, a cidade de Avilés será un dos puntos de partida da ruta norte da Primeira Travesía Náutica Xacobea. A Ruta Atlántica, que ten como porto de saída en Galicia o de Ribadeo, partirá o 6 de xullo para transitar 210 millas náuticas ata as Rías Baixas, onde se unirá coas embarcacións que percorren a Ruta Mediterránea da Travesía. Trátase dun dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A Primeira Travesía Náutica Xacobea está dividida en dúas rutas, unha Atlántica e outra Mediterránea, que confluirán nas Rías Baixas e que aglutinan preto dun cento de barcos participantes, ademais de dúas goletas de pasaxeiros.

A cidade de Avilés acolleu hoxe a presentación da Travesía, na que interviñeron o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez, e mais o concelleiro de Cultura de Avilés, Román Antonio Álvarez, así como o presidente da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia, Javier Ruiz de Cortázar.

Avilés será un dos puntos de partida das naves, xunto con portos de Inglaterra, Irlanda e Francia. Unha vez unida a flota no porto de Ribadeo, todas as embarcacións navegarán ata as Rías Baixas, pasando por Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín e a Ría de Arousa.

Os barcos que parten dende Avilés sairán o día 5 pola mañá para estar en Ribadeo o mesmo día pola tarde e comezar a singradura o día 6, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. En caso contrario, as embarcacións partirían o día 4. Participan nesta ruta 35 embarcacións e dúas goletas con 150 tripulantes.

Está previsto que a flota da Ruta Atlántica e mais a da Ruta Mediterránea, que partiu de Xénova o pasado día 15 de xuño, conflúan entre os días 10 e 12 de xullo na Ría de Arousa. Neste punto de encontro, as tripulacións embarcarán nun catamarán para subir polo ría Ulla ata Padrón, completando o percorrido da Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata Santiago.

A Travesía Náutica Xacobea está organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga), e constitúe unha das actividades centrais do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Dado que Galicia lidera o segmento Q de Calidade Turística en instalacións náutico-deportivas en toda España, este será o criterio de selección das estacións náuticas que acollerán embarcacións da Peregrinación Náutica na comunidade.

A iniciativa contribúe á promoción da cultura, do patrimonio marítimo e da protección do medio ambiente de Galicia, apoiando a posta en valor turística dos seus portos deportivos. Do mesmo xeito, pretende axudar á difusión internacional da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla e mais de Galicia como destino turístico.

Arriba