01 xul 2014

A Xunta e a Real Academia de Gastronomía desenvolverán un Plan de Promoción de Alimentos de Galicia

Turismo de Galicia e a Consellería do Medio Rural e do Mar asinan un convenio coa institución gastronómica para a promoción, a organización de xornadas e actividades formativas e a difusión da oferta culinaria do destino Galicia.

O obxectivo é dar a coñecer aos cidadáns a oferta gastronómica da Comunidade e impulsar o seu desenvolvemento e o protagonismo dos produtos agroalimentarios autóctonos na oferta de restauración galega.

Turismo de Galicia, A Consellería de Medio Rural e do Mar e mais a Real Academia de Gastronomía asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de desenvolver un Plan de Promoción de Alimentos de Galicia que inclúe accións conxuntas como xornadas, campañas, seminarios ou relatorios que se organizarán para difundir a oferta gastronómica de Galicia ao tempo que se impulsa o seu desenvolvemento.

Así, a través deste Plan tamén se implementarán medidas destinadas a recuperar alimentos autóctonos e promover o seu uso nos restaurantes galegos. De tal xeito que, a través de cursos de formación e capacitación profesional se tenda cara á excelencia e á calidade como distintivo esencial da oferta culinaria da comunidade.

Co reforzo do sector agroalimentario e mais coa dinamización do seu entramado socioeconómico, tamén se logrará a promoción da gastronomía como recurso distintivo do destino e mais a posta en valor da produción alimentaria de calidade que caracteriza á tradición gastronómica de Galicia.

Para o desenvolvemento do plan asinouse un convenio no que se establecen diferentes liñas de acción orientadas á promoción, á organización de xornadas e actividades formativas e á difusión da oferta culinaria do destino Galicia. O obxectivo é dar a coñecer aos cidadáns a oferta gastronómica da comunidade galega e impulsar o seu desenvolvemento e protagonismo dos produtos agroalimentarios autóctonos na oferta de restauración galega.

A gastronomía no Plan Integral de Turismo de Galicia
O Plan Integral de Turismo de Galicia identifica a gastronomía do destino como fortaleza e a variedade e calidade dos produtos enogastronómicos de Galicia como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais a respecto doutros destinos.

O Plan Integral de Turismo inclúe unha liña estratéxica centrada na oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos. Nesta liña figura a acción de posta en marcha do programa para desenvolver e promocionar o produto transversal do turismo enogastronómico.

A Real Academia de Gastronomía
Os fins da Real Academia de Gastronomía teñen carácter científico, educativo, cultural e histórico, en beneficio da investigación, mellora e difusión da gastronomía española, da alimentación e benestar das persoas, da saúde pública e individual, do mantemento e transmisión das tradicións populares e da mellora profesional dos seus protagonistas.

Arriba