A primeira Travesía Náutica Xacobea entre Xénova e Galicia xa percorreu os portos de Toulon, Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella, Punta Umbría, Sines e Cascais
As embarcacións parten hoxe de Cascais para completar a novena etapa da travesía ata Figueira da Foz.
Porto será a última parada en Portugal e Cangas o primeiro porto galego en acoller aos tripulantes.
A peregrinación náutica conmemora o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Conta con dúas rutas, a Atlántica e a Mediterránea, que parte de Xénova e chegará ás Rías Baixas
A ruta Atlántica partirá de Ribadeo o día 6 para confluír coa Mediterránea nas Rías Baixas entre o 10 e o 12 de xullo.
As embarcacións que partiron o pasado día 15 de xuño do porto italiano de Xénova xa completaron oito etapas da Primeira Travesía Náutica Xacobea organizada por Turismo de Galicia en colaboración con Asnauga no marco das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Xénova, Toulon, Palma de Mallorca, Torrevieja, Cartagena, Roquetas, Marbella, Punta Umbría, Sines e Cascais foron os portos aos que durante estes 17 días foron arribando as embarcacións que fan esta peregrinación marítima na súa ruta Mediterránea ata chegar as Rías Baixas galegas. Na travesía participan 7 embarcacións –dúas delas da organización- e 39 tripulantes.
A travesía Mediterránea percorrerá máis de 1.500 millas náuticas en 14 etapas, nas que recalará en portos de Italia, Francia, España e Portugal. Dende o porto portugués de Cascais zarpan hoxe cara Figuiera da Foz e Porto para arribar a Galicia, onde o primeiro porto que tocarán será o de Cangas. A Ruta Atlántica ten previsto saír de Ribadeo o 6 de xullo e previamente terá recalado en portos do Reino Unido e Irlanda.
Dado que Galicia lidera o segmento de Q de Calidade Turística en instalacións náutico-deportivas en toda España, este será o criterio de selección das estacións náuticas escollidas para acoller as embarcacións da Peregrinación Náutica.
Ambas rutas confluirán na Ría de Arousa, dende onde os peregrinos percorrerán a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata Santiago de Compostela.
A iniciativa contribúe á promoción da cultura, do patrimonio marítimo da comunidade e da protección do medio ambiente apoiando a posta en valor turística dos portos deportivos galegos; así como a difusión internacional da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla e mais de Galicia como destino turístico.
A inscrición na Travesía Náutica Xacobea está aberta, é gratuíta para as embarcacións e poderase obter máis información sobre o evento na páxina web de Asnauga (www.asnauga.com) e mais en http://turismo.xunta.es
Actos do VIII Centenario
A primeira Travesía Náutica Xacobea enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que se celebran en Galicia dende mediados de 2013 ata mediados de 2015 e que inclúen eventos expositivos, artísticos, divulgativos, congresuais e científicos.
Entre as iniciativas destaca a mostra ‘Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago’ aberta no Pazo de Fonseca, en Compostela. E mais a gran exposición do centenario, a mostra ‘On the Road’, que pode visitarse ata finais de novembro no Pazo de Xelmírez, no cemiterio e na igrexa de Bonaval.