Turismo de Galicia e o concello do Grove asinan un convenio de colaboración para a celebración da edición número 51 da festa do marisco
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, rubrican o acordo para a celebración da festa entre os días 2 e 12 de outubro.
A festa foi presentada en xuño en Hamburgo ante touroperadores e prensa especializada de Alemaña.
A directora de Turismo resalta o crecemento do mercado internacional nas Rías Baixas, do 15,2% en viaxeiros e do 24,4% en pernoitas, así como o aumento na cifra de viaxeiros do 10% en maio e a de pernoitas un 12%, a respecto do mesmo mes do ano pasado.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, acompañados do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís rubricaron onte o acordo de colaboración para a celebración da Festa do Marisco do Grove na súa edición número 51.
Dende 1963 celébrase no Grove unha das primeiras festas gastronómicas da comunidade. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “o turismo, a pesca e o marisqueo son os piares sobre os que se sostén a economía deste municipio e esta celebración ten contribuído como ningún outro fenómeno á internacionalización do nome do Grove e mais do nome de Galicia”.
Nava Castro comentou que a gastronomía constitúe un dos nosos principais reclamos turísticos e o marisco é unha das nosas estrelas e distintivos culinarios. “A calidade dos froitos das nosas augas maridada cos viños da nosa terra recoñecidos coa Denominación de Orixe configuran un tándem perfecto que conquista os padais máis exquisitos”, explicou.
A directora de Turismo resaltou tamén que nesta edición 51, a festa incrementa o patrimonio cultural do concello porque celébrase aquí o Simposio Internacional de Escultura ao Aire Libre, con máis de 20 anos de antigüidade e no que participan escultores internacionais utilizando como material o granito de Galicia.
Eventos científicos, folclóricos, expositivos e congresuais complementan a oferta desta festa que conta entre as súas actividades cun Foro de Recursos Mariños e de Acuicultura das Rías Galegas que cita a profesionais e estudosos.
Segundo matizou Nava Castro, o apoio de Turismo de Galicia a este evento é motivado pola súa consideración como un dos elementos esenciais para o desenvolvemento turístico da comunidade e pola súa incidencia directa na divulgación da oferta turística galega vinculada á gastronomía do país e impulsando a mellora económica do sector.
A 51 edición da Festa do Marisco do Grove presentouse recentemente na cidade alemana de Hamburgo, no marco dunha presentación para touroperadores e prensa especializada alemá sobre as singularidades turísticas do destino Galicia. Cómpre ter en conta que Alemaña é o país estranxeiro do que procederon máis peregrinos en 2013. Un total de 97.042 viaxeiros alemáns aloxáronse nos hoteis de Galicia ao longo do ano pasado, un 4,7% máis que no ano anterior. Ademais, Alemaña é despois de Portugal, o segundo mercado internacional máis importante para Galicia alcanzando o 12% dos viaxeiros estranxeiros e o 10,5% do total das pernoitas internacionais da Comunidade.
A presentación realizouse a bordo do buque escola da Armada Española Juan Sebastián Elcano, que está a realizar un cruceiro de instrución que recalará no porto galego de Marín.
Nava Castro comentou a este respecto que a divulgación e presentación da festa repercute positivamente na imaxe turística do Grove e contribúe á difusión dos seus recursos gastronómicos pero tamén paisaxísticos, naturais e culturais. Ademais, dixo, incide na imaxe turística de Galicia como destino de calidade como elemento diferencial.
Destacou tamén que Galicia é o primeiro produtor e consumidor español de peixe e afamados gastrónomos aseguran que temos a maior variedade de produtos do mar do mundo. “Eventos como a Festa do Marisco impulsan a difusión desa imaxe de calidade”, dixo.
Incremento na cifra de viaxeiros e pernoitas nacionais e internacionais en maio
Tamén comentou que as Rías Baixas conforman xa un destino de referencia e “así o reflicten os datos turísticos”. A cifra de viaxeiros medrou un 10% en maio e a de pernoitas un 12% a respecto do mesmo mes do ano pasado. Ademais segundo os últimos datos do INE, os turistas nacionais experimentaron unha suba do 8,6% e os estranxeiros por riba do 15%. As pernoitas nacionais tamén subiron un 10% e as de viaxeiros estranxeiros rexistraron unha subida do 24,4%.
De igual modo recalcou que Turismo de Galicia aposta por traballar na promoción das festas de interese turístico e así o recollemos no noso Plan Integral, dentro da segunda liña estratéxica relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos. “Contamos cunha acción relativa á definición da estratexia de promoción das festas de interese turístico, dado que as festas forman parte da nosa cultura e constitúen un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano”, dixo.