A cifra de turistas internacionais na Ribeira Sacra medrou un 16,5% nos primeiros seis meses de 2014
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto rubricaron o acordo para a realización de actividades de promoción e información do turismo na Ribeira Sacra por importe global de 140.000 euros, dos que Turismo de Galicia aporta 110.000.
No acordo inclúense accións dirixidas ao apoio á candidatura da Ribeira Sacra á consideración de Patrimonio da Humanidade, así como actuacións de sinalización, promoción, creación de produto e comercialización
Turismo de Galicia xa achegou tamén, a través dun convenio de accións concretas de promoción do destino, 149.000 euros.
A Ribeira Sacra rexistrou no primeiro semestre do ano un incremento na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 21,4 % con respecto ao ano anterior e tamén subiron as pernoitas nun 20,4 %.
No primeiro semestre do ano, o mercado nacional na Ribeira Sacra experimentou unha suba do 22,2 % e o mercado internacional incrementouse un 16,5 %, no tocante ás pernoitas rexistradas por ambos segmentos do mercado.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, acompañados pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias e mais polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez asinaron un convenio para a realización de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo na zona.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a Ribeira Sacra é un destino cada vez con maior demanda entre os viaxeiros a Galicia. Así, segundo avanzou a directora de Turismo de Galicia, neste enclave, “a cifra de viaxeiros medrou no primeiro semestre do ano un 21,4% con respecto ao ano anterior e tamén subiron as pernoitas nun 20,4%”. No mes de xuño, as pernoitas experimentaron unha suba do 8,8%. Ademais grazas ás grandes posibilidades turísticas que proporciona a Ribeira Sacra a estadía media subiu un 12,2%.
Separando os datos por mercados, no primeiro semestre do ano, o mercado nacional na Ribeira Sacra experimentou unha suba do 22,2% e o mercado internacional incrementouse un 16,5 %, estas porcentaxes refírense ás pernoitas rexistradas por ambos segmentos do mercado en comparación co primeiro semestre do ano pasado. Segundo explicou Nava Castro, “o peso do turismo internacional entre xaneiro e xuño é na Ribeira Sacra do 31% do total da demanda hoteleira”.
A directora de Turismo tamén destacou o éxito que están a acadar as rutas turísticas en tren pola Ribeira Sacra postas en marcha dende Turismo de Galicia en colaboración con Renfe no marco do programa Galicia a todo tren, que inclúe sete rutas turísticas en tren pola Comunidade, a ruta dos Faros, a ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e mais os trens polas Rutas dos Viños de Galicia, entre as que se atopan o Tren da Ribeira Sacra e mais o de Valdeorras-Ribeira Sacra que completaron a súa capacidade nas saídas desta fin de semana e xa está case completo para a saída do primeiro fin de semana de agosto.
Un orzamento de 140.000 euros para a promoción turística do destino
Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra asinaron hoxe un convenio por importe global de 140.000 euros, dos que Turismo de Galicia achega 110.000 euros e o consorcio os 30.000 euros restantes para a realización de actividades relacionadas cos soportes de información e a ampliación do ámbito de cobertura da información a través da tradución de guías da Ribeira Sacra, da app de sendeirismo, ou a cobertura das necesidades de material das oficinas de turismo, así como a divulgación da accesibilidade a recursos e actividades.
Ademais, o importe destinarase á ampliación do banco de imaxes audiovisuais do destino, á creación de contidos para as redes sociais, a a accións de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Do mesmo xeito realizaranse actuacións dirixidas á creación de produto, á formación do sector en relación coas redes sociais e os recursos en liña, así como o posicionamento en liña das empresas turísticas.
O acordo inclúe tamén actuacións de sinalización e eliminación de feísmos de sinalización; así como de comercialización e promoción do produto turístico Regala Ribeira Sacra, a divulgación da imaxe do destino baseada na calidade e no posicionamento dos produtos Ribeira Sacra nas axencias de viaxe.
Convenio para a realización de actividades promocionais concretas
Turismo de Galicia aportou xa 149.000 euros a través dun convenio de colaboración que fixaba actuacións concretas a desenvolver no xeodestino Ribeira Sacra por parte do Consorcio de Turismo como o apoio ao proxecto Viñobús. Este servizo ademais de estar en funcionamento no período estival tamén estará a disposición dos visitantes na época da vendima.
Xunto ao Viñobús, o convenio recolle a realización dun ciclo de concertos en diversas localizacións da Ribeira Sacra e de diversa tipoloxía co obxectivo de dinamizar a actividade cultural e turística neste territorio. Así mesmo, tamén se inclúe a homologación de diversas rutas de sendeirismo. Unha práctica que se pode inscribir plenamente no turismo sustentable e que ofrece a posibilidade de dar a coñecer este magnífico territorio coas súas sorprendentes paisaxes e patrimonio.
Ademais o convenio incorpora a actuación relacionada coa extensión da actual aplicación para móbiles da Ribeira Sacra da zona de Ourense ao territorio da provincia de Lugo. E este acordo de colaboración complétase con actuacións de promocións tales como a organización de viaxes de familiarización principalmente orientados aos bloggers cos que se persegue unha maior presenza en redes sociais.
O texto integra accións de diferente índole co fin de continuar co labor de potenciación turística que se está a realizar neste territorio a raíz da posta en marcha do Plan de Dinamización Turística e a posterior creación do Consorcio Ribeira Sacra.