11 ago 2014

Preto de 50.000 persoas visitaron as exposicións ´On The Road´ e ‘Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño´

A exposición ´On The Road´ e mais a mostra ´Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño´ suman preto de 50 mil visitantes dende senllas aperturas no pasado mes de xuño.

Os ex-alumnos do Seminario Franciscano de Santo Antonio de Herbón visitaron ambas as dúas exposicións no marco do seu XIII Encontro Anual en homenaxe á conmemoración dos 800 anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

A oficina de acollida ao peregrino contabilizou este sábado 2.739 peregrinos, converténdose así no día que máis peregrinos chegaron nun ano non santo.

Un total de 138.782 peregrinos percorreron ata hoxe o Camiño de Santiago no que vai de ano, isto implica unha suba do 9,58% a respecto dos rexistrados no mesmo período de 2013.

Máis da metade dos peregrinos son estranxeiros e Italia converteuse nestes días no pais estranxeiro de onde proceden mais camiñantes, superando a Alemaña en 713 peregrinos.

As exposicións conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago situadas no centro histórico da capital galega suman preto de 50.000 visitantes en mes e medio de funcionamento.

Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago pódese visitar dende o pasado 20 de xuño no colexio de Fonseca e estará dispoñible ata o 24 de agosto en horario de 11 da mañá as 14 horas e das cinco ás nove da tarde.

Esta exposición foi a encargada de abrir en Asís os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela o pasado mes de agosto. Alí recibiu durante o seu período de apertura máis de 7.000 visitas.

O gran atractivo das obras de arte de primeiro nivel que se recollen na exposición -como cadros de O Greco e Zurbarán, esculturas de Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona- está a espertar gran interese entre os visitantes. No discurso expositivo figuran pezas medievais da época do santo, procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia. Son obras de escultura, ouriveiría, restos de arquitecturas, telas, instrumentos musicais, relicarios e incunables das bibliotecas franciscanas.

Trátase dun conxunto de pezas relacionadas con San Francisco e a peregrinación a Santiago, comprendidas na súa maioría entre os séculos XII e XVIII, moitas delas da época do santo e outras que forman parte do seu legado histórico e espiritual.

Pola súa banda, On the Road que se inaugurou tamén a finais de xuño sitúase no Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, así como en espazos urbanos emblemáticos da cidade. Esta gran exposición permanecerá aberta ata finais de novembro.

Este gran proxecto expositivo conta coa participación de 35 artistas contemporáneos máis influentes do momento no panorama nacional e internacional e que xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo santo de Asís e do concepto de camiñar.


On the Road deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez, para o seu uso cultural, de modo que para acoller On the Road, Turismo de Galicia levou adiante no Pazo de Xelmírez unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.
Nesta fin de semana os ex-alumnos do Seminario Franciscano de Santo Antonio de Herbón coñeceron ámbalas dúas exposicións no marco do actos programados no seu XIII Encontro Anual en conmemoración dos oitocentos anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Datos de peregrinos

A oficina de acollida ao peregrino entregou nesta fin de semana 7.245 compostelas, das que 2.739 foron concedidas o sábado, sendo o día que máis peregrinos remataron o Camiño de Santiago nun ano non santo.

Na totalidade do ano xa teñen chegado a Santiago 138.782 peregrinos, un 9,58% mais que no mesmo período do pasado ano. Máis da metade dos peregrinos que chegaron este ano a Compostela son estranxeiros, en total 72.412.

Na actualidade, Italia desbancou a Alemaña no primeiro posto do ránking de países estranxeiros de onde proceden os peregrinos. Os italianos aumentaron nun 27,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano e supoñen xa o 7,54% da totalidade dos viaxeiros que realizan o Camiño de Santiago. Alemaña pola súa parte, con 9.753 camiñantes, retrocedeu ao segundo posto e séguenlle países como Portugal con 7.649 peregrinos, Estados Unidos con 7.129, Francia con 5.617, Irlanda con 3.032, Reino Unido con 2.625, Holanda con 2.341, Corea con 2.167, Australia con 2.003, Canadá con 1.771, Brasil con 1.708, Polonia con 1.559, Bélxica con 1.123 e México con 1.122, entre outros.

O Camiño máis transitado segue a ser o Francés, que foi o elixido durante o que levamos de ano por máis de noventa e catro mil camiñantes. O Camiño Portugués con 21.250 peregrinos tamén ten unha gran afluencia e o seguen o Camiño do Norte con 8.134, a Vía da Prata con 5.673, o Primitivo con 4.513, o Camiño Inglés con 4.246 e o Camiño dende Fisterra e Muxía cara Santiago con 444. O resto de peregrinos, 385, elixen outras vías para chegar á capital galega.

Arriba