Os trens turísticos de Galicia consolídanse como un dos produtos máis demandados polos turistas este verán
A pasada fin de semana circularon cinco convois dos que catro estiveron ocupados ao 100%.
Entre o sábado e o domingo circularon os trens das rutas dos faros, dos pazos e xardíns históricos, e das denominacións de orixe Rías Baixas-Ribeiro e Valdeorras-Ribeira Sacra.
Cun 96,66% de ocupación a pasada fin de semana, os trens turísticos de Galicia estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis demandados este verán desde que a mediados do pasado mes de xuño comezase a funcionar este servizo turístico que contempla 7 itinerarios distintos relacionados coas rutas dos faros, os pazos e xardíns históricos e as cinco denominacións de orixe protexida dos viños de Galicia.
O pasado sábado circularon os trens dos faros, os pazos e xardíns históricos e o da Ruta dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra; e o domingo, o dos faros e o da Ruta dos viños O Ribeiro-Rías Baixas. Destes cinco trens, catro presentaron unha ocupación do 100% e outro estivo ocupado nun 86%.
Os trens turísticos de Galicia xa rexistraron máis de 1.000 viaxeiros hai 15 días, sendo a viaxeira número 1.000 unha ocupante do tren da Ruta dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra.
Oferta de fin de semana
O sábado circulou o Tren da Ruta dos faros entre Ribadeo e Ferrol, con visitas a Cabo Ortegal, Santo André de Teixido, Estaca de Bares, Illa Pancha e a Praia das Catedrais.
Ademais, o pasado sábado, o Tren dos pazos e os xardíns históricos, partiu de Santiago de Compostela ata Vigo, con visitas aos pazos de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e Quiñones de León, en Vigo; así como ao Castelo de Soutomaior; mentres que o domingo circulou o Tren da Ruta dos faros entre Ribadeo e Ferrol
Valdeorras-Ribeira Sacra
O sábado, o Tren da Ruta dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra partiu ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegaron a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar a xornada nas denominacións de orixe protexidas da Ribeira Sacra e Valdeorras.
Logo da partida, o tren dirixiuse cara a Santo Estevo de Ribas de Sil, onde os viaxeiros puideron facer unha travesía en catamarán desde o embarcadeiro de Santo Estevo polo encoro do mesmo nome.
Máis tarde, desde Santo Estevo viaxaron en tren ata a estación da Rúa-Petín, na comarca de Valdeorras
No Concello da Rúa, visitaron unha adega adscrita á Denominación de Orixe Protexida Valdeorras, onde se desenvolveu unha cata dos viños máis senlleiros da zona e unha pequena degustación de produtos gastronómicos locais.
Logo do xantar, os viaxeiros foron en autobús cara o Santuario das Ermidas, no Concello do Bolo, e no traxecto puideron coñecer a parte occidental da comarca ourensá de Valdeorras.
Tras voltar á estación da Rúa-Petín, onde colleron o tren de regreso a Ourense, os viaxeiros fixeron un alto na ruta para visitar a Aula do ferrocarril, situada na estación dos Peares.
Desde aquí, xa no tramo final da ruta, achegáronsee ata Ourense, onde rematou a xornada.
O Ribeiro-Rías Baixas
O domingo, o Tren da Ruta dos viños O Ribeiro-Rías Baixas partiu da estación de Ourense cara Arbo, na provincia de Pontevedra.
Logo de visitar unha adega situada no concello pontevedrés, o tren dirixiusea Ribadavia, onde fixeron un tour pola vila e os viaxeiros puideron participar na actividade O túnel do viño, posta en marcha este ano polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida O Ribeiro.
Máis tarde, visitaron unha adega desta denominación de orixe e desprazáronse cara a o centro de interpretación arqueolóxica de San Cibrán de Las.
Por útlimo, antes de rematar a xornada en Ourense, o tren detívose na estación de Santa Cruz de Arrabaldo para visitar o museo do automobilismo e do traxe instalado neste edificio.